Inicio Galicia A Xunta expón as melloras na Risga como exemplo de colaboración entre...

A Xunta expón as melloras na Risga como exemplo de colaboración entre administracións públicas

0

O novo tramo de inserción implantado este ano leva aparellado un convenio de inclusión sociolaboral para axudar ao beneficiario da prestación a atopar un traballo

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, puxo hoxe as melloras introducidas este ano na Risga como exemplo de coordinación entre os servizos sociais e de emprego para avanzar na verdadeira inclusión. Díxoo en Madrid nunha xornada organizada polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social na que se deu conta de proxectos innovadores nos ámbitos social e laboral que levan a cabo as comunidades autónomas de Galicia, Aragón e Castela-A Mancha. Na mesma participaron técnicos da Consellería de Política Social e da de Economía, Emprego e Industria.

Na súa intervención, Arturo Parrado explicou que entre as novidades implantadas na renda de inclusión galega está o denominado tramo de inserción, que leva aparellado un convenio de inclusión sociolaboral co obxectivo de axudar ao beneficiario da prestación para atopar un traballo. Neste apoio, que inclúe o deseño de itinerarios de traballo social e de carácter formativo personalizados, participan de maneira coordinada técnicos de servizos sociais e de emprego, que se encargan de facer un seguimento da persoa perceptora da renda.

O director xeral referiuse a outras medidas que tamén supoñen da implicación dos departamentos de Política Social e Emprego da Xunta de Galicia, como as ordes anuais que subvencionan a contratación por parte dos Concellos de beneficiarios da Risga. Unha iniciativa que o vindeiro ano se pretende estender a entidades sociais ou fundacións que favorezan a formación, a capacitación e posterior empregabilidade de perceptoras desta renda ou que estean en risco ou en exclusión social.

Historia Social Única ElectrónicaArturo Parrado tamén apuntou o esforzo tecnolóxico que se está a levar a cabo nos últimos anos en Galicia para incrementar o coñecemento e a coordinación na atención ás persoas máis vulnerables e con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. A este obxectivo responde a creación da Historia Social Única Electrónica (HSUE), que reúne en formato electrónico toda a información e documentos que conteñen os datos, as valoracións e as informacións relevantes sobre a situación e evolución da atención social das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais.

Esta ferramenta permite mellorar non soamente a atención aos usuarios por parte dos técnicos de servizos sociais, senón tamén o intercambio de información con outros departamentos da administración.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre