Inicio Galicia A Xunta explica aos veciños de Trelle o proxecto para converter este...

A Xunta explica aos veciños de Trelle o proxecto para converter este núcleo de Toén nunha aldea modelo

0

A actuación suporía a dinamización socioeconómica dun perímetro de preto de 30 hectáreas pertencentes a 176 propietarios, con 649 parcelas en total


O conselleiro do Medio Rural, José Gónzalez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, reuniuse hoxe cos veciños de Trelle, no concello ourensán de Toén, e co seu alcalde, Ricardo González, para avanzar no proxecto de creación dunha aldea modelo neste núcleo de poboación. A actuación suporía a dinamización socioeconómica dun perímetro de preto de 30 hectáreas pertencentes a 176 propietarios, con 649 parcelas en total.

José González explicou aos interesados que a iniciativa das aldeas modelo xurdiu a partir do convenio subscrito entre a Consellería do Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para protexer as nosas aldeas, máis concretamente na addenda asinada entre as partes en abril pasado e renovada nunha segunda addenda a finais de novembro.

Nesta liña, o titular de Medio Rural destacou que esta iniciativa está a ter unha gran acollida e que a día de hoxe son xa 252 os concellos galegos incorporados e outros tres están ultimando os trámites para adherirse, o que significa que máis do 80% dos municipios da comunidade autónoma xa están sumados ao convenio.

O conselleiro sinalou que nestes proxectos de aldea modelo procúrase a recuperación da actividade económica e social da contorna deses núcleos, co obxectivo de permitir a súa recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación, ao tempo que se busca unha anticipación aos lumes creando unha devasa natural fronte eles.

SolicitudesJosé González salientou que a Consellería recibiu xa 47 solicitudes para poñer en marcha aldeas modelo ao longo de toda Galicia. Delas, atópanse en trámite máis de 20, que suporán a posta en valor de máis de 620 hectáreas, repartidas en case 13.000 parcelas duns 3.200 propietarios. Así, nestes núcleos realizarase a limpeza e a recuperación da faixa dos 50 metros máis próxima aos núcleos de poboación, no marco do convenio de protección das aldeas. Ademais, o resto dos terreos ata o total da actuación, será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras ou a posta en marcha de gandarías, etc.

O conselleiro puntualizou que todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto significa -trasladou González- que a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.

Por último, o titular de Medio Rural avanzou que o seu departamento destinará nos orzamentos de 2020 un total de 4,5 millóns de euros para impulsar tanto esta iniciativa de aldeas modelo como, en xeral, diferentes proxectos de mobilidade de terras. Isto suporá duplicar os 2 millóns achegados para esta finalidade en 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre