Inicio Galicia A Xunta explica aos gandeiros e agricultores da comarca do Deza a...

A Xunta explica aos gandeiros e agricultores da comarca do Deza a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria

0

José González destacou que o gran obxectivo da norma é frear o abandono e facilitar base territorial ás explotacións, así como procurar anticiparse aos lumes, recuperar a demografía e mellorar a calidade de vida da poboación no rural


O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e polo deputado popular Daniel Vega, mantivo esta tarde unha xuntanza con gandeiros e agricultores da comarca do Deza para explicarlles o contido e alcance da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.

O titular de Medio Rural deu conta dos detalles desta norma, que iniciará proximamente a súa tramitación, dentro da rolda de contactos que a Consellería está a manter con diferentes colectivos de sectores económicos e sociais vinculados co rural e que se van ver beneficiados tras a súa entrada en vigor.

Así, José González trasladou que esta norma xorde como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017 e que completa e desenvolve o marco normativo actual, culminando así un camiño iniciado pola Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este texto legal sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.

Neste senso, o conselleiro destacou especialmente unha das figuras que creará a lei, como é o Banco de Explotacións. Este será un instrumento público de mediación que terá por finalidade facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas na súa incorporación. O obxectivo é garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu abandono e o das terras que as conforman. Desta forma, insistiu, fomentarase a remuda xeracional no agro galego para consolidar o futuro do noso rural.

Ademais, o titular de Medio Rural explicou que con esta nova lei tamén se apostará por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Base territorial suficienteDe feito, dixo José González, a principal motivación da futura lei é loitar contra o abandono e a infrautilización, facilitando base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, ao tempo que se procurará anticiparse aos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación no rural.

O conselleiro indicou tamén que esta norma facilitará, entre outras cousas, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios e ademais promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos ou na compra-venda, entre outros. Para todo isto, contémplanse tamén beneficios fiscais e outras medidas de fomento de proxectos de recuperación de terras. Tamén se impulsarán dous instrumentos clave, como son o Banco de Terras, que se axilizará, e o xa mencionado Banco de Explotacións.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre