Inicio Galicia A Xunta executa obras de acondicionamento e mellora en tres estradas da...

A Xunta executa obras de acondicionamento e mellora en tres estradas da Mariña lucense nas que inviste 1,2 millóns de euros

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que hai obras en marcha nas estradas LU-151 (Fazouro-San Acisclo, en Foz), LU-160 (travesía da Seara en Alfoz) e iniciaranse de xeito inminente na LU-161(Viveiro, Ourol e O Valadouro)


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten en marcha ou prevé iniciar de xeito inminente obras de acondicionamento e mellora en tres estradas da Mariña lucense nas que inviste 1,2 millóns de euros.

Neste momento están en execución as obras na estrada LU-151 no treito entre Fazouro e San Acisclo, termo municipal de Foz, e a piques de rematar –tan só resta o repintado da vía- ás melloras realizadas na travesía da Seara, e na estrada LU-160, no municipio de Alfoz.

Está previsto que a principios do vindeiro mes de setembro comecen as obras de reforzo do firme na LU-161 entre Landrove e Ferreira do Valadouro, que afectan a varios puntos dos termos municipais de Viveiro, Ourol e do Valadouro.

Así o explicou, a modo de balance, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a súa visita aos traballos que a administración autonómica ten en execución na estrada de Foz, onde estivo acompañado por membros da Corporación municipal e veciños da zona.

Balseiro dixo que, se as circunstancias climatolóxicas son favorables, a previsión que manexa a Xunta é rematar os traballos nestas tres vías ao longo da segunda quincena do mes de setembro e sinalou que o acondicionamento das estradas contribuirá a garantir vías máis cómodas e seguras para os automobilistas e para a veciñanza da zona.

Estrada LU-151 Fazouro-San AciscloNo que respecta á obra en execución entre Fazouro e San Acisclo, os traballos concéntranse entre os puntos quilométricos 2 a 10 e consisten na regularización puntual dos treitos deteriorados da vía e na extensión dunha nova capa de rodaxe con mistura betuminosa.

Está previsto tamén actuar nas beiravías de seguridade e mellorar os sistemas de contención con barreiras metálicas. Os traballos poderían quedar listos a finais de mes.

Estrada LU-160 Mondoñedo- ValadouroPolo que respecta a obra na LU-160, a groso das actuacións centrouse na travesía da Seara en Alfoz onde a Xunta acometeu unha nova capa de rodaxe continua en toda a súa extensión, previo selado de fisuras e fresado dos puntos que presentaban deterioro.

Neste caso á obra tan só lle resta o repintado das marcas viarias.

LU-161 Landrove-Ferreira do ValadouroFinalmente, a principios do mes de setembro, darán comezo as obras na LU-161, na estrada Landrove-Ferreira do Valadouro. Neste caso as obras consisten no fresado e reposición da capa de rodaxe nas zonas deterioradas, actuando tamén sobre as beiravías, ao longo de dez quilómetros.

Nas tres estradas hai previstos traballos comúns como son a limpeza de marxes, reposición da sinalización horizontal e vertical.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre