Inicio Galicia A Xunta executa obras complementarias nos centros educativos de Burela que suman...

A Xunta executa obras complementarias nos centros educativos de Burela que suman un investimento conxunto de 80.000 euros

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o IES Monte Castelo, no que se mellora o sistema de climatización e a accesibilidade, e o CEIP Vista Alegre, que estreará un pórtico exterior cuberto


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten en marcha ou en previsión de inicio inminente obras complementarias de mellora nos centros educativos de Burela que suman un investimento conxunto de 80.000 euros.

A estas achegas hai que sumar os 860.000 euros que o Goberno galego inviste, este mesmo verán, nos traballos de reforma integral do CEIP Virxe do Carme, que se atopan moi avanzados e que darán como resultado a mellora dos tres edificios que compoñen o complexo escolar.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estas actuacións forman parte do programa de reforma que o Goberno galego desenvolve ao longo do mes de agosto aproveitando as vacacións escolares e, deste xeito, poñendo a punto as instalacións educativas de cara ao inicio do novo curso escolar.

Balseiro visitou as obras promovidas no IES Monte Castelo, xa rematadas, que permitiron reformar a instalación de calefacción e fontanería do centro, o cambio de radiadores e varios treitos de tubaxes e a substitución do depósito de gasóleo. O obxectivo é acadar unha mellor eficiencia enerxética e do sistema de climatización.

Neste mesmo centro está previsto iniciar de xeito inminente a construción dunha rampla que mellorará a accesibilidade do instituto. A nova instalación servirá para salvar a pendente desde a zona de aparcamento ata o centro e incluirá o pintado dunha praza reservada para persoas con mobilidade reducida.

Pola súa banda, o CEIP Vista Alegre estreará un novo pórtico exterior cuberto duns 400 metros cadrados, unha vez que rematen os traballos promovidos pola Xunta para garantir que unha parte da zona de xogos estea resgardada das inclemencias climatolóxicas. Os traballos consisten na colocación dunha estrutura metálica anexa a un dos pórticos do centro.

A administración autonómica tamén está valorando para este mesmo colexio a posibilidade de acometer a ampliación da biblioteca, un proxecto no que xa traballa a unidade técnica da Consellería e que, en todo caso, queren valorar co profesorado.

As obras descritas complementan as realizadas recentemente no segundo dos institutos da localidade, o IES Perdouro, que foi ampliado no ano 2016, coa construción dun novo taller para Formación Profesional Básica e novas aulas obradoiro, e no propio colexio Vista Alegre, no que se renovou a cuberta no curso anterior.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre