Inicio Galicia A Xunta executa as obras do novo edificio no IES Monte Neme...

A Xunta executa as obras do novo edificio no IES Monte Neme para os novos ciclos formativos da familia de administración

0

O delegado territorial da Xunta visitou o centro para supervisar o avance das obras que estarán rematadas a finais de verán


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou esta mañá o avance das obras que está executando a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no IES Monte Neme en Carballo. En total, a Xunta está investindo 735.000 euros neste centro educativo.

As obras, que rematarán despois do verán, contemplan a construción dunha nova edificación de 600 metros cadrados para dar cobertura aos alumnos dos novos ciclos formativo medio e superior da familia de Administración.

A construción de planta baixa contén catro aulas de entre 72 e 73 metros cadrados de superficie, equipadas para 30 postos informáticos, aseos masculinos, femininos e adaptado a minusválidos, sala para reunións do profesorado, accesos e corredor de distribución, e ademais os locais técnicos necesarios para tódalas instalacións de electricidade, rede de datos, calefacción, ventilación, etc. Todo isto suma unha superficie útil de 500,30m2 e unha superficie construída de 573,40m2.

No proxecto de ampliación contémplanse ademais algunhas actuacións de reforma en locais do edificio dedicado a secundaria e bacharelato, para acondicionar a biblioteca, unha aula de música, unha aula de plástica e a aula de tecnoloxía. Tamén se recolle a reforma dun pequeno local, na nave de talleres, ademais da substitución dos canlóns de cuberta e dos faldóns traslúcidos da mesma, para solucionar algún problema de filtracións de auga cara o interior.

Leer más:  Un incendio originado en la chimenea de una casa en Vilalba (Lugo) termina sin causar heridas a las personas presentes

Ovidio Rodeiro destacou que “esta obra é a máis importante que se está realizando na comarca e permitirá mellorar a confortabilidade deste edificio e sobre todo incrementar a oferta educativa con novos espazos adaptados ás necesidades deste instituto”. “O que buscamos dende a Xunta de Galicia é ofrecer unha formación de calidade nas mellores condicións posibles”, recalcou.

Neste senso, apuntou que “con este novo módulo dentro do recinto para albergar os espazos necesarios para impartir os novos graos o instituto quedará perfectamente organizado cos edificios cos que pasará a contar definitivamente, situándose cada ensinanza nun deles, posibilitando unha considerable racionalización das instalacións, equipamento e especialización de espazos”.

Así no edificio principal mantense toda a ensinanza secundaria e o bacharelato; no edificio de talleres, dadas as súas características fabriles e a importancia e cantidade de maquinaria ca que se conta, queda situado o ciclo de mecanizado da familia de fabricación mecánica; nun edificio anexo de construción xa posterior aos dous anteriores quedarán definitivamente instalados os ciclos da familia de electricidade e electrónica; mentres que no edificio actualmente en construción situaranse os espazos necesarios para os ciclos da familia de administración e xestión.

Leer más:  Los trenes Avril están triunfando en Galicia: más de 13.000 billetes vendidos en menos de 24 horas

O complexo conta ademais cun pavillón polideportivo para as ensinanzas de educación física da secundaria e do bacharelato. A parcela contará por tanto finalmente con cinco edificios diferenciados e especializados.

O delegado territorial subliñou que a Xunta “realiza un constante seguimento das necesidades dos centros educativos e programa obras de reforma e conservación para manter as instalacións nas mellores condicións para o desenvolvemento da actividade lectiva”.

Todas as obras de rehabilitación integral enerxética e funcional dos centros escolares forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, dotado cun orzamento de 118,5 millóns de euros para este período.


- Te recomendamos -