Inicio Galicia A Xunta executa a mellora do firme en 6,7 quilómetros da estrada...

A Xunta executa a mellora do firme en 6,7 quilómetros da estrada LU-933 entre o núcleo urbano de Monforte de Lemos e Chavaga

0
image_gallery.jpg

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os traballos comezaron esta semana no treito urbano e está previsto completar toda a actuación antes de que finalice o ano


A Xunta de Galicia vén de iniciar esta semana as obras de mellora do firme nun treito de 6,7 quilómetros da estrada LU-933 no concello de Monforte de Lemos, entre o núcleo urbano e a parroquia de Chavaga (puntos quilométricos 2,060 a 8,820).

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), achegouse hoxe á localidade monfortina para comprobar a execución das obras, que teñen un orzamento de licitación de 310.200 euros. Actualmente estase a traballar no treito urbano e se as condicións climatolóxicas o permiten, agárdase completar toda a actuación antes de que finalice o ano.

A Xunta actuará en 2,3 quilómetros máis do que tiña previsto, unha vez constatado que o orzamento dispoñible para destinar a estas obras permite ampliar a planificación inicial, entre Monforte e Bascós, e continuar as melloras ata a parroquia de Chavaga.

Os traballos consistirán na rehabilitación do pavimento deteriorado mediante a execución de fresados e a extensión dunha nova capa de rodaxe con mestura asfáltica en quente en toda a calzada.

Tamén se realizará unha limpeza de gabias e noiros. A actuación completarase coa posterior reposición e renovación da sinalización horizontal e o balizamento en todos o treitos afectados.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade forma parte do contrato das obras de mellora do firme en tres estradas que vertebran as comunicacións con Monforte de Lemos, cun investimento autonómico de máis dun millón de euros.

Son actuacións en diferentes treitos da vía de altas prestacións VG-2.1 de Monforte; da LU-546 (vía que conecta Nadela con Monforte) ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria e da LU-933. O contrato tamén inclúe melloras na LU-722, en Navia de Suarna.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre