Inicio Galicia A Xunta executa a 31 de xullo máis do 95% do Plan...

A Xunta executa a 31 de xullo máis do 95% do Plan anual de cooperación para o desenvolvemento

0

O orzamento destinado á cooperación galega este ano ascende a algo máis de 6,1 millóns de euros, case un 20% máis que en 2018


A Xunta leva executado a 31 de xullo máis do 95% do Plan anual de cooperación para o desenvolvemento. O orzamento deste ano ascende a 6,1 millóns de euros, case un 20% máis que o destinado a este mesmo fin en 2018.

Durante este ano, leváronse a cabo diversas actuacións como a publicación e resolución de convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para levar a cabo proxectos de cooperación para o desenvolvemento ou de educación para o desenvolvemento e cidadanía global. A través destas dúas convocatorias, aprobáronse un total de 33 proxectos.

Tamén se convocaron axudas para proxectos de acción humanitaria, das que resultaron beneficiarios 4 proxectos. Esta liña é específica para aqueles proxectos que buscan salvar vidas ou aliviar o sufrimento despois de crises, ou para reforzar a prevención antes de que se produzan estas situacións.

Ademais das ordes de axuda, ao longo de 2019 tamén se asinaron convenios de colaboración con distintas entidades que traballan no ámbito da cooperación. Por exemplo, este ano volveuse ratificar o convenio con Farmamundi, a través do que nestes meses xa se financiaron actuacións en Mozambique, tras o ciclón Idai; en Ecuador, tralas inundacións da provincia de Manabí; na Franxa de Gaza, para prestar asistencia alimentaria; e no Congo, para servizos de atención primaria e saúde pola crise do ébola e da rubeola. En total, con estas accións atendéronse a preto de 4.400 persoas.

Este ano tamén se asinaron convenios coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) para axuda sanitaria e para construír un centro de cancro de mama; con UNICEF, para actuacións de inclusión social en Cuba, na Habana Vella; e coa Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), a Fundación Axuda en Acción, e ANFACO-CECOPESCA para unha iniciativa do desenvolvemento do sector acuícola na baía de Sechura, en Perú.

Ademais, como novidade este ano, asináronse 8 convenios de colaboración para impulsar medidas de prevención e loita contra a violencia de xénero entre a poboación refuxiada e desprazada, no marco do Pacto do Estado contra Violencia de Xénero. Nestas accións están a colaborar España con ACNUR, o Comité Español da UNRWA, Educo, Farmamundi, Médicos do Mundo, Entreculturas, AIDA e a Asemblea de Cooperación pola Paz.

A programación anual non busca tan só realizar proxectos, senón tamén mellorar en xeral a cooperación galega. Para conseguilo, publicouse tamén unha convocatoria para subvencionar proxectos de investigación para o desenvolvemento, promovidos polas universidades e centros de investigación; así como se convocaron 6 bolsas para formar a persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Do mesmo xeito, tamén se asinou un convenio de colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD para mellorar as capacidades da coordinadora para fortalecer ás ONGD galegas, e outro co Fondo galego de Cooperación e Solidariedade co obxecto de promover a implicación dos concellos e deputacións galegas no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

A maiores de todas estas actuacións, durante este 2019 deuse continuidade aos proxectos que comezaron en 2018.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre