Inicio Galicia A Xunta estudará colaborar co concello de Castrelo de Miño no acondicionamento...

A Xunta estudará colaborar co concello de Castrelo de Miño no acondicionamento do Club Naútico e no desenvolvemento integral do seu encoro

0

O delegado territorial da Xunta en Ourense e o alcalde do municipio ourensán analizaron os investimentos previstos pola Administración autonómica, centrados na mellora dos servizos da vivenda comunitaria municipal

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, continúa coa rolda de visitas institucionais iniciadas logo da súa toma de posesión como novo representante autonómico, e hoxe mantivo un encontro co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, con quen analizou os principais proxectos previstos no municipio en relación á actividade da administración autonómica, como a mellora na vivenda comunitaria municipal. Ademais, o representante do Goberno galego comprometeuse a analizar as posibilidades de colaborar co Concello nun proxecto municipal para acometer a remodelación e acondicionamento das instalacións do Club Náutico, así como o desenvolvemento integral do encoro de Castrelo de Miño .

Entre os principais temas analizados durante o encontro, cómpre subliñar a futura reforma da cuberta da vivenda comunitaria municipal que se vai a executar ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería de Política Social grazas a un investimento 35.000 euros. Esta actuación permitirá arranxar os problemas de filtracións e humidade que ten esta vivenda e que levaron a ter inutilizada algunha das habitacións. Para contribuír á seguridade dos usuarios desta infraestrutura, o rexedor solicitoulle ao delegado colaboración para levar a cabo o seu peche perimetral xunto coa casa do maior, así como o acondicionamento da zona verde da súa contorna.

Durante o encontro que mantiveron, Avelino Pazos manifestou tamén o interese do seu Concello por contar co apoio da Xunta para a construción dun depósito de auga potable e canalización para bombear dende o Miño e abastecer a todo o municipio co obxectivo de atallar o problema de arsénico que se rexistra de xeito reiterado, así como a creación dunha zona de autocaravanas e dunha senda peonil.

Gabriel Alén transmitiulle a Avelino Pazos o compromiso do Goberno galego por continuar colaborando na mellora dos servizos que se lle prestan aos veciños do municipio. Neste senso, lembrou que as achegas da Administración autonómica durante a pasada lexislatura superaron os 2,7 millóns de euros e posibilitaron o acondicionamento da ponte metálica que salva o río Miño e que comunica os concellos de Castrelo de Miño e Ribadavia; o desenvolvemento de programas de promoción da igualdade e de axuda no fogar a persoas dependentes; e a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos, entre outras actuacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre