Inicio Galicia A Xunta estuda a afectación que pode ter nas contas públicas o...

A Xunta estuda a afectación que pode ter nas contas públicas o impago de 700 millóns do Executivo central e pide ao Goberno actual unha solución inmediata

0

“Só hai unha única alternativa posible: pagar o que se debe”, di o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrando que esta é unha situación sen precedentes que xa está a causar tensións de tesourería


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta está a estudar a afectación que pode ter o impago de 700 millóns do Executivo central nas contas públicas galegas e pedirá ao Goberno actual unha solución inmediata. “Só hai unha única alternativa posible: pagar o que se debe”, dixo, incidindo en que Galicia solicitará formalmente, de acordo co Parlamento, “os 700 millóns para seguir pagando facturas, pagando nóminas e pagando o que se debe na Comunidade autónoma”.

Nesta liña, Feijóo advertiu de que esta situación nunca se ten producido e xa está a provocar tensións de tesourería nas contas da Comunidade Autónoma, e lembrou que xa hai precedentes de que un Goberno en funcións aprobe decretos lei, referíndose a modo de exemplo aos reais decretos aprobados polo Executivo en 2016 en materia de activación do emprego e de medidas tributarias para reducir o déficit.“Estamos entrando no último semestre do ano e só temos escusas: a escusa de que o Goberno está en funcións, pero o Consello de Ministros se reúne; a escusa de que non houbo orzamentos, pero todos lembramos os venres sociais, nos que se aprobaron decenas de reais decretos leis pero ningún en relación coa sanidade, a educación e os servizos sociais das comunidades autónomas”, abundou, facendo fincapé en que a inestabilidade política que padece España non é culpa de ningunha comunidade autónoma e “con escusas non podemos pagar as nóminas nin as facturas.”Na rolda de prensa do Consello, Feijóo explicou que as cantidades pendentes de recibir do exercicio 2019 son: 330 millóns da actualización das entregas a conta do exercicio 2019; 200 millóns da devolución da mensualidade do IVE do exercicio 2017; e 170 millóns do incentivo á comunidades cumpridoras. E precisou que Galicia incluíu nos seus orzamentos de 2019 os 330 millóns das entregas a conta porque é a cifra que o Goberno comunicou en xullo de 2018; e outros 200 millóns da mensualidade do IVE porque a ministra de Facenda comprometeuse a solucionar esta cuestión.“Nos presupostos da Comunidade autónoma faltan 530 millóns de euros e o total da débeda contraída polo Goberno de España coa Comunidade ascende a 700 millóns de euros”, resumiu o presidente, recalcando que, de non solucionarse este asunto, a Comunidade recibirá os 530 millóns, “un diñeiro que é noso”, no verán do 2021, unha vez liquidado o sistema de financiamento autonómico do exercicio 2019.

Para concluír Feijóo lembrou que en Galicia hai estabilidade política, “cumprimos as regras, pagamos en tempo e forma e non merecemos ese trato”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre