Inicio Galicia A Xunta enxalza o labor do proxecto Morada Atlántica na posta en...

A Xunta enxalza o labor do proxecto Morada Atlántica na posta en valor do patrimonio cultural mariñeiro de Galicia

0

A Consellería do Mar salienta a iniciativa dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) Costa da Morte e Costa Sostible como exemplo da diversificación das actividades no litoral e da promoción dos produtos do mar

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, enxalzou hoxe o proxecto de cooperación Morada Atlántica como un exemplo da posta en valor, protección e salvagarda do patrimonio cultural mariñeiro de Galicia que realizan os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) da comunidade. Neste sentido, salientou que a iniciativa desenvolvida conxuntamente polos GALP Costa da Morte e Costa Sostible, e na que colabora o GALP portugués de Aveiro, contribúe a dotar de maior valor engadido aos produtos pesqueiros e a diversificar as actividades económicas do sector cara ao turismo.

A representante da Consellería do Mar explicou durante o acto final deste proxecto que o traballo desenvolvido nos últimos anos contribuíu a reforzar a oferta e promoción do atractivo de Galicia a turistas e visitantes locais mediante a creación da rede de espazos museísticos, o que axudou ademais a salvagardar o patrimonio mariñeiro nestas comunidades.

Entre as iniciativas desenvolvidas no marco de Morada Atlántica, Susana Rodríguez tamén destacou a creación da etiqueta Cociña Atlántica, que permitiu a posta en valor dos pratos e elaboracións propias do arco atlántico converténdose á vez nunha garantía de singularidade, tradición e produto de calidade e proximidade. Este distintivo, incidiu, facilita que os consumidores distingan os produtos de Galicia e favorece o aumento do seu consumo.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro lembrou ademais o bo labor desenvolvido polos GALP nos últimos anos como instrumentos para a xeración de emprego e tamén como ferramentas de cohesión territorial ao permitir a mellora da economía da súa contorna e fixar a poboación nas zonas costeiras. De feito, nos últimos catro anos os proxectos GALP tiveron unha repercusión no conxunto da economía galega de máis de 1.900 empregos a tempo completo e un incremento do valor engadido bruto de máis de 94 millóns de euros. Nestes catro anos, engadiu a representante do Executivo galego, aprobáronse máis de 400 proxectos e realizouse un traballo “intenso e de calidade” con máis de 360 entidades socias dos grupos de traballo local.

Susana Rodríguez felicitou aos GALP Costa da Morte e Costa Sostible por este proxecto e alentounos a seguir traballando como ata agora a prol das súas comunidades costeiras e as de toda Galicia. “Morada Atlántica é un avance na protección e consolidación do noso pasado, unha obra de presente pero, sobre todo, de futuro”, concluíu a representante da Consellería do Mar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre