Inicio Galicia A Xunta enxalza o labor do Grupo de Acción Local do Sector...

A Xunta enxalza o labor do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa para visibilizar o papel da muller no mundo do mar

0

O Executivo galego salienta o peso que as mulleres teñen na economía pesqueira de Galicia e o seu papel na dinamización e desenvolvemento das zonas costeiras

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, agradeceu hoxe ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa o seu importante labor para dar visibilidade ás profesionais do mar da zona e enxalzar o labor que veñen desenvolvendo desde sempre en actividades como o marisqueo, o sector da transformación ou o arranxo de redes. Fíxoo durante a presentación da Xornada de conclusións do proxecto de dinamización e igualdade das mulleres do mar, na que incidiu no peso transcendental que as mulleres teñen na economía pesqueira de Galicia ao actuar como motor de dinamización e crecemento económico.

A representante do Executivo galego salientou que proxectos coma este contribúen a poñer á muller no lugar que lle corresponde e ao mesmo tempo serven de nexo de unión entre as profesionais do sector pois favorecen a cooperación entre elas para conseguir importantes obxectivos como a mellora no eido formativo ou a adaptación a retos relacionados coas habilidades sociais, dixitais ou de liderado.

A titular de Mar subliñou a necesidade de reivindicar que o sector da pesca en Galicia se escriba en feminino e lembrou a relevancia que as mulleres do mar tiveron e teñen durante a pandemia polo coronavirus en actividades como a conserva, o artellado e arranxo de redes ou o marisqueo. Trátase de profesionais, destacou, que aportan o seu grao de area tanto ao sector marítimo-pesqueiro como ao conxunto da sociedade e contribúen a garantir o subministro de produtos de calidade á cidadanía a pesar das dificultades.

Por iso, o Executivo galego quixo corresponder esa entrega apoiando ao sector mediante o plan Avantemar, que conta cun orzamento de 77 millóns de euros para este ano co obxectivo de impulsar o antes posible a reactivación do complexo mar-industria. Precisamente, entre eses apoios inclúense preto de seis millóns de euros para profesións con gran presenza feminina como son o marisqueo ou o artellado de redes.

Rosa Quintana animou tamén ao GALP Ría de Arousa a continuar co seu gran labor a prol da igualdade e a unidade no sector pesqueiro e eloxiou o seu espírito asociativo e o seu compromiso na defensa dos intereses das mulleres do mar. Un traballo, dixo, que contribuirá a dar visibilidade ao bo facer das profesionais do sector e a impulsar ao mesmo tempo o desenvolvemento económico das zonas costeiras.

En Galicia dedícanse ao marisqueo a pé máis de 2.600 mulleres e outras 1.100 pertencen ao sector acuícola, das que arredor de 700 traballan no sector do mexillón. A elas súmanse preto de 500 profesionais embarcadas en buques pesqueiros e centos de traballadoras dos sectores conserveiro e dos produtos do mar conxelados. Unhas cifras que dan mostra da importancia que a muller ten no eido marítimo-pesqueiro da comunidade galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre