Inicio Galicia A Xunta enxalza o espírito emprendedor da muller e o traballo feito...

A Xunta enxalza o espírito emprendedor da muller e o traballo feito para visibilizar o seu papel no sector marítimo-pesqueiro

0

O edificio Sel de Muros acolle unha selección de cadros que retratan os labores de profesionais do mar como as mariscadoras, percebeiras e redeiras para recoñecer a súa importancia neste eido de actividade

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o espírito emprendedor da muller e o traballo realizado polas profesionais do sector marítimo-pesqueiro para darlle visibilidade ao seu papel nesta rama de actividade. Nese obxectivo, salientou, son importantes eventos como a exposición Mulleres, entre augas e entre fíos, unha escolma de 15 cadros inaugurada en Muros que recrea escenas de traballo das mulleres da pesca para pór en valor a súa importancia e aportación neste eido.

Esas 15 obras son unha pequena selección dunha colección máis ampla de 50 cadros promovida pola Asociación Dones del Mar del Grau de Gandía (Adomar) e froito dunha colaboración entre todas as asociacións da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) e fotógrafos e pintores da Comunidade Valenciana. A exposición, organizada por Anmupesca, estivo antes en Gandía e Cariño e estará aberta ao público en Muros ata o próximo día 31.

A titular de Mar destacou que esta exposición sitúa á muller onde lle corresponde ao levala da invisibilidade ao recoñecemento social e do descoñecemento ao diálogo cultural integrador ao retratar os labores de mariscadoras, percebeiras, redeiras ou comercializadoras, entre outras. “Sempre escoitamos que este non era mundo para nós pero a realidade é que levamos toda a vida no porto, na costa, nas praias e no mar”, subliñou Rosa Quintana durante a inauguración da exposición.

A representante do Executivo galego incidiu en que mulleres como as protagonistas desta exposición -“descoñecidas e sen nome, pero loitadoras e exemplarizantes”- permiten avanzar no camiño para liderar un cambio socialmente responsable e agradeceu o traballo de Anmupesca e a colaboración de Adomar para chegar a este resultado. “Gracias por demostrar unha vez máis que o mar une e non separa e por facer visible o papel da muller no mundo do mar, unha cuestión vital en todas partes”, indicou a conselleira do Mar.

Rosa Quintana tamén resaltou que esta iniciativa fai que a arte transcenda da súa beleza e cumpra unha función que, a priori, non é a súa, a función social e apostou por seguir traballando nesta liña para que o recoñecemento ao traballo feminino no ámbito marítimo-pesqueiro sexa cada vez maior.

A exposición ‘Mulleres, entre augas e entre fíos’A escolma exposta no edificio Sel de Muros é unha selección de 15 das 50 obras realizadas por artistas valencianos que interpretan en lenzos, e con distintas técnicas, as realidades profesionais das mulleres da pesca. Esta exposición estivo en Gandía e froito da colaboración entre Adomar e Anmupesca pasou por Cariño entre o 9 e o 19 de agosto. Desde hoxe e ata o 31 de agosto poderá visitarse en Muros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre