Inicio Galicia A Xunta enxalza o Camiño de Santiago como un gran activo para...

A Xunta enxalza o Camiño de Santiago como un gran activo para mostrar ao mundo a calidade dos produtos galegos do mar

0

A titular de Mar salienta a importancia de iniciativas como ‘A Compostelata’ para atraer a atención dos consumidores, facerlles chegar os beneficios das conservas e fomentar o seu consumo


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe a importancia do Camiño de Santiago como activo para mostrar ao mundo a calidade e as bondades dos produtos galegos do mar durante a súa participación no acto final da acción de promoción das conservas galegas A Compostelata. A titular de Mar estivo acompañada pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, na que foi a última das sete etapas que a food truck da campaña Cata la lata realizou polo Camiño Francés ofrecendo degustacións de distintas elaboracións con conservas de produtos do mar. Este proxecto enmárcase no programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia.

Esta iniciativa impulsada pola patronal conserveira Anfaco-Cecopesca é unha das escollidas na convocatoria de proxectos aberta pola Xunta para difundir pola xeografía galega os valores do Camiño de Santiago como antesala do próximo Ano Santo. Neste caso, a iniciativa pretendía facilitar máis e mellor información aos actuais e potenciais consumidores das conservas de produtos do mar e impulsar unha dieta vencellada ás súas bondades nos itinerarios xacobeos.“A Compostelata, máis que unha campaña de fomento do consumo e de comercialización das conservas, é unha campaña integral polo seu valor formativo e divulgativo”, destacou a titular de Mar, que lembrou que entre os obxectivos desta acción está atraer a atención dos consumidores e achegarlles os beneficios nutricionais das conservas, fomentar o seu consumo para aumentar as vendas e impulsar tanto a imaxe dos produtos do mar transformados como de Galicia.

A peregrinación da Compostelata consistiu na realización de sete etapas do Camiño Francés -O Cebreiro, Triacastela, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Arzúa e Santiago- nas que os camiñantes degustaron conservas de sete produtos distintos -xarda, atún, zamburiñas, luras, berberechos, mexillóns e sardiñas- e selaron unha credencial semellante á Compostela para certificar a súa participación nesta campaña de consumo de produtos saudables.

Neses documentos os peregrinos contaban cun código QR co que podían acceder cos seus móbiles a unha páxina web que os informaba tanto da receita degustada como dos valores nutricionais do seu produto base así como da historia e dos lugares de interese turístico da localidade na que se atopaban.

A conselleira do Mar explicou que A Compostelata é unha acción que dá continuidade á promoción realizada nos últimos anos das conservas nos diferentes Camiños de Santiago e salientou a importancia de contribuír a unha educación nutricional óptima. Por iso, agradeceu a colaboración de Anfaco-Cecopesca na consecución deste obxectivo ao tempo que gabou o seu papel para valorizar os produtos do mar, favorecer o desenvolvemento da industria transformadora e que a produción conserveira siga batendo récords.

Campaña ‘Cata la lata’A Compostelata é unha acción apoiada pola Consellería do Mar que se enmarca na campaña Cata la lata, que en 2018 percorreu coa súa food truck numerosas localidades de España para repartir conservas entre os peregrinos do Camiño e que chegou a máis de 10.000 persoas coa degustación de arredor de 20.000 tapas de distintas preparacións elaboradas con conservas. Este ano a campaña seguiu a percorrer España e completou dez etapas por sete comunidades para promocionar os produtos do mar transformados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre