Inicio Galicia A Xunta enxalza en Xantar a calidade de produtos do mar cunha...

A Xunta enxalza en Xantar a calidade de produtos do mar cunha decena de talleres gastronómicos de degustación

0

Este ano a Consellería do Mar destina 27 millóns de euros á mellora da estrutura do sector da transformación e comercialización e 11,5 millóns de euros á mellora da organización da produción e adecuación aos mercados

Ourense, 7 de febreiro de 2020.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a aposta da Xunta pola difusión dos peixes e mariscos de Galicia nas feiras nacionais e internacionais como Xantar, que se celebra esta semana en Ourense e onde a Administración galega enxalza os produtos do mar con dez talleres gastronómicos de degustación.

Durante o acto central do día que este evento dedica ao mar, Rosa Quintana explicou que os encontros como Xantar “son fundamentais para xerar riqueza socioeconómica para Galicia e permiten continuar adiantando posicións e consolidar as xa adquiridas nos mercados nacional e foráneos”. Neste sentido, destacou o potencial do tecido económico da industria transformadora e comercializadora dos produtos do mar, que xera 7.000 millóns de euros ao ano.

A este dato súmanse, engadiu a titular de Mar, os máis de 2.200 millóns de euros de exportacións de produtos do mar, un total de 620.000 toneladas que fan de Galicia unha potencia exportadora mundial, por diante de Xapón ou Islandia. Isto demostra “que o aspecto comercial da nosa actividade é clave á hora de garantir unha competitividade e sustentabilidade na faceta económica, polo que cómpre seguir traballando e apostando por avanzar nela”, subliñou Rosa Quintana.

Por iso, explicou a conselleira, este ano a Xunta destina 27 millóns de euros á mellora da estrutura do sector da transformación e comercialización, un 11% máis que no exercicio anterior, e 11,5 millóns de euros á mellora da organización da produción e adecuación aos mercados, o que supón unha suba do 33% en relación ao ano pasado.

Por último, Rosa Quintana, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, agradeceu aos profesionais participantes en Xantar, a Expourense e a Ourense que este salón siga sendo unha realidade. Tamén recoñeceu todo o seu labor “centrado en dar a coñecer os produtos do mar, en dotar de visibilidade á nosa oferta gastonómica a través do turismo e no traballo colaborativo como única fórmula de éxito”.

O mar en XantarO Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar é unha feira de proxección internacional que se celebra entre o 5 e o 9 de febreiro en Ourense. A deste ano é a súa 21 edición e conta coa presenza de 15 países e máis de 280 expositores participantes. Ademais de ser un evento de promoción da gastronomía, Xantar é punto de encontro dos recursos turísticos das rexións participantes.

Tanto para profesionais como para público xeral organízanse actividades como conferencias, presentacións literarias, exposicións de arte, obradoiros didácticos, túnel do viño, cursos de cata ou degustacións, así como a semifinal do Concurso Cociñeiro do ano e Concurso Camareiro do ano. A Consellería do Mar está presente neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia.

Con ese obxectivo tamén se celebran degustacións de receitas elaboradas por cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais características dos peixes e mariscos galegos. En concreto durante os días da feira a Consellería do Mar ofrece dez talleres gastronómicos de degustación, hoxe un de conservas de peixes e mariscos coa colaboración de Anfaco-Cecopesca e desenvolvido por Anxo Trives, do restaurante La Viuda, de Pobra de Trives, no que se poderán degustar pratos como a sopa de millo acompañada de xoubas e pan de Cea con tomate e atún. Pola tarde Anxo Trives realizará receitas con ameixas e voandeiras do selo pescadeRías.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre