Inicio Galicia A Xunta enxalza a colaboración entre os sectores pesqueiro e hostaleiro na...

A Xunta enxalza a colaboración entre os sectores pesqueiro e hostaleiro na promoción dos produtos do mar e o seu esforzo fronte á crise pola covid-19

0

A titular de Mar salienta o traballo de dúas das ramas de actividade máis castigadas polas medidas adoptadas para atallar a expansión da pandemia e que poñen a disposición da cidadanía produtos pesqueiros da máxima calidade

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia na presentación da campaña "Camiño gastronómico do mar. Peixe de Burela", unha iniciativa na que enxalzou a colaboración demostrada polos sectores pesqueiro e hostaleiro co obxectivo de promocionar os produtos do mar e ao mesmo tempo buscar o xeito de impulsar estas dúas ramas da economía, moi afectadas pola crise derivada da alerta sanitaria polo coronavirus.

Esta acción, impulsada pola Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP7) en colaboración con Armadores de Burela SA (ABSA) e coa Asociación de Amigos do Camiño do Mar, pretende promocionar o consumo de peixe nos concellos da cornixa cantábrica, apoiar ao sector da hostalaría e difundir o Camiño do Mar de cara ao Xacobeo 2021. Nela os consumidores poderán degustar en 30 restaurantes situados en 15 concellos do Camiño do Norte (entre Ribadeo e Neda) os peixes máis representativos que captura a frota de Burela.

Por iso, Rosa Quintana salientou que esta campaña non só serve para promocionar os produtos do mar e o Camiño da Costa senón que tamén permite axudar ao sector da hostalaría que, ao igual que o pesqueiro, foi un dos máis castigados polas medidas que teñen como obxectivo atallar a pandemia. Trátase de dúas ramas de actividade, salientou a titular de Mar, que están a facer un gran esforzo a pesar das dificultades co obxectivo de facer chegar aos consumidores os produtos de máxima calidade que ofrece o mar de Galicia.“Esta colaboración e os concellos polos que pasa este camiño do mar xogan un papel fundamental pois apoian o tecido económico local e contribúen a darlle o lugar que lle corresponde aos nosos produtos do mar”, subliñou a representante do Executivo galego, que destacou a importancia deste tipo de iniciativas para animar á cidadanía a apostar polos produtos pesqueiros e por un dieta máis saudable.‘Camiño gastronómico do mar’Esta acción de promoción desenvolverase nas fins de semana comprendidas entre o 9 de outubro e o 6 de decembro cun total de oito etapas en 15 concellos -Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda-. A primeira delas será só en Ribadeo e as seguintes desenvolveranse en dous concellos á vez con dous restaurantes participantes en cada un. En cada municipio un restaurante promocionará tanto a pescada do pincho como o xurelo mentres que o outro ofrecerá a degustación de pratos elaborados con peixe espada e peixe sapo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre