Inicio Galicia A Xunta enxalza a aposta do sector conserveiro galego pola sustentabilidade na...

A Xunta enxalza a aposta do sector conserveiro galego pola sustentabilidade na xestión dos recursos e no eido social

0

O Executivo galego defende a igualdade de condicións na industria transformadora de produtos do mar e a exixencia dos mesmos estándares de calidade e sociais a todas as empresas

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou hoxe a importancia da IX Conferencia Mundial do Atún por converter a Galicia en punto de encontro e debate dos profesionais do sector sobre os retos aos que se enfronta esta industria. A representante da Consellería do Mar, que participou no acto de clausura do evento organizado pola patronal conserveira Anfaco-Cecopesca, enxalzou a aposta da industria transformadora galega pola sustentabilidade tanto desde o punto de vista da xestión dos recursos como no eido social -a prol de condicións mínimas que garantan un traballo digno-, un dos aspectos abordados na edición deste ano por ser unha tarefa pendente nalgúns países de fóra da Unión Europea.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez lamentou que empresas competidoras das galegas entren nos mesmos mercados e compitan en cuestións como o prezo sen respectar o level playing field. Por iso, a directora xeral de Pesca mostrouse partidaria de que a toda a industria mundial se lle exixan os mesmos estándares en materia de trazabilidade, hixiene e condicións laborais, entre outros.

A representante da Xunta tamén destacou a constante colaboración entre a Administración galega e o sector e subliñou tanto a mellora das vendas e do valor engadido dos produtos como a consolidación do liderado de Galicia como produtor máis importante do mundo entre os retos de futuro desta industria. Para logralo, lembrou, a comunidade conta con Plan Estratéxico da Industria Conserveira Galega, Horizonte 2020, que aposta por apoiar as inversións que redunden na sustentabilidade do sector en todos os eidos.

A Conferencia Mundial do Atún reúne cada dous anos en Vigo a representantes de empresas que concentran arredor do 90% da industria conserveira mundial, polo que é o evento máis importante para o sector e unha oportunidade para avanzar “nun modelo de negocio máis innovador e sustentable”. “O éxito radica na posta en valor conxunta e na transferencia de coñecemento entre os axentes implicados no sector e na busca de respostas ás novas demandas do mercado e dos propios consumidores”, resumiu a directora xeral de Pesca.

Precisamente, froito desta innovación constante, as exportacións de produtos da pesca, acuicultura e os seus transformados acadaron o ano pasado en Galicia un novo récord histórico, ao igual que a produción española de conservas, que superou as 353.350 toneladas e das que 303.800, o 86%, corresponden ás empresas galegas. Trátase dun crecemento ao que a Xunta contribuíu mediante a posta a disposición da cadea mar-industria de máis de 260 millóns de euros en axudas desde o ano 2009.

A Conferencia Mundial do AtúnA patronal conserveira Anfaco-Cecopesca celebra cada dous anos este encontro no que máis de 350 directivos de empresas atuneiras dos cinco continentes abordan os principais temas de relevancia para a competitividade da industria atuneira mundial. Entre os asuntos tratados este ano están, entre outros, as principais tendencias na comercialización das conservas de atún, a situación do sector en Europa, o atún como recurso alimentario global, a responsabilidade social corporativa, o escenario global da industria atuneira e a pesca responsable e a boa xestión dos recursos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre