Inicio Galicia A Xunta envía 134.418 novas unidades de material de protección a 172...

A Xunta envía 134.418 novas unidades de material de protección a 172 centros sociais da provincia de Ourense

0

En total, foron 51.800 luvas, 72.406 máscaras cirúrxicas e 156 batas plásticas, así como diverso material de produtos de desinfección e limpeza

A Xunta de Galicia vén de enviar 134.418 unidades de material de protección individual a 172 centros sociais da provincia de Ourense para loitar contra o coronavirus. En conxunto, foron 51.800 luvas, 72.406 máscaras cirúrxicas e 156 batas plásticas, así como diverso material de limpeza e desinfección (52 botes de xel hidroalcólico e 807 garrafas de 5 litros de desinfectante).

Asemade, este último envío inclúe a entrega de 156 unidades de mandís plásticos, 2.600 gorros e 7.300 calzas que se fará a semana que vén.

Esta partida súmase á enviada a semana pasada, cando se repartiron un total de 164.419 unidades de protección individual entre 168 centros deste tipo. Daquela, repartíronse 60.400 luvas, 98.061 máscaras cirúrxicas, 1.523 batas de plástico e a mesma cantidade de mandís, 512 pantallas de protección ocular, 1.800 gorros e 600 calzas. Este reparto tamén incluíu 1.194 botes de xel hidroalcólico e 497 garrafas de 5 litros de desinfectante.

A Xunta reitera que todo o material entregado cumpre estritamente co procedemento do Ministerio de Sanidade con respecto ao seu uso, foi inspeccionado e está en perfectas condicións para poder ser usado.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, subliña que o Goberno galego quere garantir a axeitada protección dos profesionais que traballan nestes centros na atención e coidado dos colectivos máis vulnerables ao contaxio por coronavirus. Por iso, anuncia que a intención da Administración autonómica é continuar efectuando futuros repartos de material de protección aos centros sociais e facelo con carácter periódico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre