Inicio Galicia A Xunta entrégalles 32 tabletas aos gardas fluviais de Augas de Galicia...

A Xunta entrégalles 32 tabletas aos gardas fluviais de Augas de Galicia para facilitarlles as tarefas de inspección e vixilancia dos ríos e acadar unha mellor conservación e protección do medio

0

Vázquez Mourelle pon en valor a xestión e coidado que leva a cabo este servizo, que cualifica como prioritario dende o punto de vista ambiental, paisaxístico, urbanístico e social

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe un encontro cos gardas fluviais deste departamento, aos que se lles entregou 32 tabletas que facilitarán as súas tarefas de inspección, o que suporá maior eficiencia na conservación e protección do medio.

O servizo de Gardería Fluvial de Augas de Galicia constitúe o persoal de campo, encargado de inspeccionar, vixiar e controlar as canles dos ríos e manter un contacto directo co medio fluvial e cos usuarios da auga da Demarcación Galicia – Costa, que abrangue a metade noroeste da comunidade e supón uns 15.000 km de ríos.

Vázquez Mourelle destacou que a xestión, vixilancia e coidado que levan a cabo estes profesionais é un asunto absolutamente prioritario e relevante dende o punto de vista ambiental, paisaxístico, urbanístico e social.

Indicou que os dispositivos portátiles distribuídos hoxe permitirán que os gardas poidan consultar, introducir datos e correccións en tempo real, o que dinamizará o seu traballo, ademais de aumentar a eficacia dos labores de inspección e visita de campo.

Sinalou que esta ferramenta especificamente deseñada para este colectivo, en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio (IET), posibilitará arquivar toda a información recompilada nas visitas de campo no Sistema de Información Xeográfica e acceder en tempo real a información xeoreferenciada, dispoñible en Augas de Galicia, e á cartografía.

Trátase dun novo instrumento para ter unha información máis precisa do territorio e das zonas inspeccionadas, que facilitará a localización, revisión ou redacción dos informes, repercutindo nunha maior eficacia das funcións e axilizando o traballo de Augas de Galicia.

Precisou que os dispositivos entregados hoxe son un bo exemplo do fomento da formación e dun mellor desempeño das funcións dos gardas fluviais, así como do coidado e xestión das augas dos ríos.

Resaltou que cómpre ter presente unha nova cultura fluvial na que a custodia dos ríos non sexa soamente un traballo destes técnicos, senón tamén un labor de toda a sociedade, entendendo os ríos como espazos que hai que preservar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre