Inicio Galicia A Xunta entrega os premios do programa Eduemprende, no que participaron preto...

A Xunta entrega os premios do programa Eduemprende, no que participaron preto de 1.500 alumnos e 171 docentes de Lugo

0

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, gabou “os proxectos completos e innovadores” que se presentaron nesta edición en centros educativos de toda a provincia


A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional fixo entrega hoxe dos premios do concurso Lanzadeiras!, enmarcado no programa Eduemprende, que durante o presente curso involucrou a 1.442 alumnos e 171 profesores de doce centros educativos de secundaria da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, asistiu no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Lugo á cerimonia de clausura do proxecto “Miniempresas Lugo 2019” e á entrega dos premios do concurso, co que colaboran o xornal El Progreso e a empresa Alcoa.

O primeiro premio foi para o proxecto “Rede activa Vilalba”, ideado polo alumnado de primeiro do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia do Instituto de Educación Secundaria (IES) Lois Peña Novo de Vilalba e que consistía nunha empresa dedicada ao servizo de atención a persoas usuarias do centro ocupacional da localidade. O segundo premio recaeu na miniempresa “Vesmemais” que proxectaron os alumnos de primeiro e segundo do ciclo formativo básico de Electricidade e electrónica do CIFP Politécnico de Lugo, centrada na investigación, deseño e fabricación de dispositivos que aumenten a visibilidade dos ciclistas e a súa seguridade.

O terceiro premio foi a parar ao IES San Rosendo de Mondoñedo, para os alumnos de primeiro curso do ciclo formativo de grao medio de Xardinaría e Floraría e do ciclo formativo de grao superior de Xestión Forestal e do Medio Natural, cunha miniempresa dedicada á venda de plantas aromáticas, de produtos obtidos delas con fins biosaudables, culinarios ou cosméticos, e de fragrancias e fitosanitarios.

Concedéronse tamén dous accésits, un para o IES María Sarmiento de Viveiro por proxectar una empresa de servizos para realizar recados e compras -no comercio local- para persoas que non poidan facelos por si mesmas, e o segundo para o Centro Público Integrado (CPI) de Navia de Suarna por un proxecto para elaborar produtos mediante procedementos ecolóxicos e con materiais reciclados.

No conxunto da provincia presentáronse 23 proxectos en distintas especialidades, elaborados polo alumnado co asesoramento dos docentes en cada materia. Os premios teñen dotación económica que achega a Fundación Alcoa, e oscilan entre os 500 euros para os accésits e os 2.000 euros para o primeiro premio.

O delegado territorial explicou que o plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia “é unha aposta clara e firme da Xunta pola implantación nos institutos galegos da cultura emprendedora, porque emprender é sinónimo de innovación, de mellora da competitividade das nosas empresas, de crecemento económico e da posibilidade de xerar máis e mellores oportunidades de emprego”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre