Inicio Galicia A Xunta entrega hoxe alimentos do agro galego ao comedor San Francisco...

A Xunta entrega hoxe alimentos do agro galego ao comedor San Francisco de Pontevedra a través da rede de Mercaproximidade

0

Este reparto de produtos agroalimentarios estase a levar a cabo noutros comedores e entidades sociais, así como en diferentes hospitais de Galicia


A Xunta continúa coa doazón de alimentos do agro galego a diferentes entidades sociais e a varios hospitais da comunidade autónoma ao abeiro da rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización posta en marcha pola Consellería do Medio Rural para contribuír ás economías dos agricultores e gandeiros durante o estado de alarma.

Neste contexto, hoxe Medio Rural entregou varios tarros de mel, quilos de queixo, patacas e carne de porco celta ao comedor San Francisco de Pontevedra. Esta doazón súmase as xa levadas a cabo nas últimas semanas a diferentes centros sanitarios, coma o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), o CHUAC da Coruña, o Lucus Augusti de Lugo, o hospital da Mariña e o de Monforte de Lemos, ademais do CHUOU de Ourense. Ao longo dos vindeiros días, levarase a cabo tamén unha nova cesión ao hospital de Ferrol.

A compra de produtos agrogandeiros por parte da Xunta vai destinada tamén ás familias máis vulnerables mediante diversas organizacións, como o Banco de Alimentos de Lugo, que distribuíu nas sedes de Cáritas de toda España 100 toneladas de patacas cedidas polo executivo galego. A esta cantidade hai que engadir outras 30 toneladas de tubérculo doadas por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

A maiores, o Banco de Alimentos de Lugo recibiu por parte da Consellería un total de 2.000 queixos e 2.000 tarros de mel. Tamén a sede de Cáritas en Lugo fará chegar aos colectivos máis desfavorecidos as provisións cedidas pola Xunta estes días, que inclúen mel, patacas, queixos e varias pezas de carne.

Adhesións a MercaproximidadeA rede Mercaproximidade, a nova fórmula de venda concibida para paliar o peche da hostalaría e os mercados municipais, non deixa de medrar. Dende a súa posta en marcha o pasado día 15 de abril, son arredor de 400 as industrias transformadoras e os produtores agropecuarios que se adheriron a ela, para dar saída aos seus produtos.

Ademais, tamén colaboran un total de dez cadeas: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

Con todo, esta iniciativa permanece aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre