Inicio Galicia A Xunta entrega dúas novas vivendas de promoción pública no casco histórico...

A Xunta entrega dúas novas vivendas de promoción pública no casco histórico de Ourense

0

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, fixo entrega das chaves aos novos adxudicatarios que poden facer uso dos pisos de inmediato As vivendas están no edificio número un da rúa Vilar e o IGVS investiu máis de 370.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu hoxe ao acto de entrega de chaves aos adxudicatarios de dúas vivendas de promoción pública (VPP) rehabilitadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no casco histórico da cidade ourensá.

As vivendas, propiedade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, están situadas na rúa Vilar número 1 e teñen 98,88 metros cadrados e 92,64 metros cadrados, respectivamente. As dúas vivendas adxudicáronse en réxime de aluguer e contan con dous dormitorios, salón comedor, cociña, baño e aseo. Xunto coa adxudicación das vivendas vincúlase unha praza de garaxe.

A delegada territorial explicou que as persoas beneficiarias xa poden facer uso das vivendas de inmediato e resaltou que esta actuación é unha mostra máis do apoio que mantén o Goberno galego aos cidadáns para facilitar o acceso á vivenda. De feito, a Xunta desenvolve unha serie de medidas de carácter social encamiñadas a atender esta demanda e mantén aberto ao longo de todo o ano a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial e único de demandantes de vivenda.

Na actualidade, como explicou a delegada, o IGVS ten en marcha 14 novas vivendas protexidas en Ourense, que se incorporarán ao parque residencial da cidade. Deste xeito e unha vez realizada a entrega de oito vivendas no barrio de Covadonga, na rúa Fermín Bouza Brey, e completadas as obras das tres vivendas que se obterán da rehabilitación dun edificio na rúa Cervantes 14 e doutras tres no edificio Vilar 3-5, a Xunta terá posto 84 VPP a disposición dos ourensáns desde o 2009.

Programa RexurbeDíaz Mouteira subliñou, ao mesmo tempo, a aposta que se está a facer desde o Goberno galego, a través do programa Rexurbe, por recuperar o patrimonio arquitectónico construído e darlle vitalidade aos barrios máis emblemáticos das vilas e cidades, propiciando que sexan lugares atractivos para vivir, cheos de xente, de actividade e con futuro. No caso concreto de Ourense, explicou que en 2019 e no marco deste programa, o IGVS adquiriu tres inmobles e nestes momentos está a tramitar a formalización da compra dun cuarto edificio.

Na rehabilitación destes inmobles, a Consellería de Medio Ambiente ten previsto investir máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de obter 12 novas vivendas de protección pública na cidade, que se sumarán ás 84 VPP xa mencionadas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre