Inicio Galicia A Xunta entrega cinco vivendas de promoción pública en Fermín Rivera e...

A Xunta entrega cinco vivendas de promoción pública en Fermín Rivera e no barrio da Tinería

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lembra que as dúas vivendas do casco histórico entregadas hoxe se suman ás 82 que están ocupadas nesta zona e ás tres que están en reparación

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), entregou está mañá cinco vivendas nos barrios da Tinería e da Ponte. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou neste acto que “coa transferencia de hoxe, a Xunta pasará a ter 84 vivendas ocupadas das 87 que dispón no barrio da Tinería, xa que hai tres que están en proceso de reparación”. As vivendas transferidas hoxe, en réxime de alugamento, teñen un ou dous dormitorios, e están situadas en rúa Río Miño, 32, e en Tinería, 38, respectivamente.

A modo de balance sobre a actuación da Xunta neste casco histórico de Lugo, recordou que se levaron a cabo a reforma dun total de 36 edificios a través de diversos plans e actuacións, con 87 vivendas recuperadas e 23 locais comerciais postos a disposición de novos emprendedores.

A aposta da Xunta de Galicia pola rehabilitación deste barrio seguirá adiante a vindeira semana co sorteo doutras nove vivendas, correspondentes a outros catro edificios xa rehabilitados pero que aínda están en proceso de recepción e polo tanto pendentes de entregar. Trátase de catro casas nas rúas Recanto do Miño e Tinería, que supoñen outras nove vivendas con superficies de entre 40 e 110 metros cadrados, que atópanse en proceso de recepción, pendentes de varios trámites como a concesión da licencia de primeira utilización, por parte do Concello de Lugo.

Así, a transformación que está a experimentar este barrio será aínda máis notable nos próximos anos coa culminación de dous importantes proxectos como son a rehabilitación da Casa da Torre e do Pazo de Doña Urraca, nos que traballa a Xunta de Galicia.

Desde a Xunta sinalan que o proxecto de rehabilitación da Casa da Torre xa está en proceso de adxudicación, polo que se pide axilidade ao Concello de Lugo para que conceda canto antes a licenza de obra que está solicitada desde o mes de abril e poder iniciar así os traballos unha vez se resolva a adxudicación. Este edificio anexo á muralla destinarase a sé da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, a oficina de turismo e servirá ademais de acceso ao adarve da muralla, grazas á instalación dun ascensor interior.

Por outra banda, o Pazo de Doña Urraca, xa conta cun anteproxecto elaborado polos servizos do IGVS en colaboración coa Consellería de Cultura, para albergar a sé en Lugo do Centro Galego de Arte Contemporáneo.

Vázquez fixo fincapé en que “a revitalización da Tinería non para. Isto demostra que é unha das constantes da Xunta de Galicia, a administración que, de feito, más investiu neste barrio”.

Vivendas da PonteA conselleira de Medio Ambiente, territorio e Vivenda tamén fixo entrega das chaves aos adxudicatarios doutras tres vivendas na rúa Fermín Rivera, un barrio no que a Xunta dispón de 41 vivendas. Destes pisos, a maioría de dous ou tres dormitorios e con garaxe, 35 están actualmente ocupados, tres entregáronse hoxe, e outros tantos atópanse en proceso de adxudicación.

A entrega de vivendas de promoción pública é un proceso continuo que a Xunta de Galicia ten en marcha, segundo se vaian producindo as vacantes. Por iso, as persoas interesadas en optar a algunha destas promocións poden inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do IGVS. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre