Inicio Galicia A Xunta entrega ao porto deportivo de Muxía o diploma que o...

A Xunta entrega ao porto deportivo de Muxía o diploma que o acredita como membro da Rede Galega de Portos sen Fume

0

O proxecto impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración con Portos de Galicia, conta xa con seis entidades participantes e supón dar continuidade á Rede Galega de Praias sen Fume


O director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez, fíxolle entrega ao director do Mariña Muxía Porto Deportivo, Marcos Trillo Díaz, do diploma que acredita que as súas instalacións están integradas xa na Rede Galega de Portos sen Fume, que ten entre os seus obxectivos promocionar unha vida sen tabaco en todos os eidos para reducir o seu consumo na sociedade, reforzar o papel modélico positivo dos pais e nais e promover accións que respecten e coiden o medio ambiente.

O director xeral de Saúde Pública subliñou a importancia deste proxecto, impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración con Portos de Galicia, e animou a outros portos a sumarse a ela. Coa incorporación do Porto Deportivo de Muxía, son xa seis os portos integrados na rede -na que tamén están o Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Portosín, o Real Club Náutico de Ribadeo, o Monte Real Club de Yates de Baiona, e o Porto Deportivo de Sada (Sadamar).

Andrés Paz-Ares destacou a importancia de estender iniciativas coma esta a toda Galicia, co obxectivo de que os portos autonómicos se convertan en espazos máis saudables e sustentables. De feito, entre as accións enmarcadas dentro da Rede Galega de Portos sen Fume inclúense actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco mediante a participación activa da cidadanía no obxectivo de normalizar o feito de non fumar.

Este proxecto de peiraos sen fume naceu en 2018, tras a boa aceptación e valoración que tivo entre a poboación galega unha iniciativa semellante, a Rede Galega de Praias sen Fume, que botou a andar en 2016 coa finalidade de desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade ampliando a prohibición de fumar en espazos abertos non incluídos na normativa vixente. Estas accións rexistraron un rápido crecemento ao pasar de 26 praias incluídas na rede en 2016 a 141 na actualidade, pertencentes a 64 concellos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre