Inicio Galicia A Xunta entra no Padroado da Fundación Sargadelos para impulsar a marca...

A Xunta entra no Padroado da Fundación Sargadelos para impulsar a marca como gran referencia cultural de Galicia

0

O conselleiro Román Rodríguez anuncia este acordo co que o Goberno galego dá un novo paso na reactivación do legado cultural de máximo nivel dunha da firmas máis simbólicas do país

A Xunta pasará a formar parte do Padroado da Fundación Sargadelos, tras o acordo acadado coa dirección da firma. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde na reunión do Padroado na que se anunciou esta decisión, que cualificou como “unha oportunidade fantástica para poñer en valor, para impulsar e promocionar a innegable transcendencia e importancia que ten Sargadelos no seu conxunto na cultura galega”. Xunto o propio conselleiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, representará ao Goberno galego nesta institución. A Fundación Sargadelos conta actualmente con representantes da empresa, o Concello de Cervo e distintas persoas de prestixio no ámbito cultural e económico de Galicia.

O obxectivo desta acción é impulsar a marca Sargadelos como gran referencia cultural de Galicia, un nome que conta ademais cun gran simbolismo de representación do país, cun papel preponderante durante o século XX, e para o conxunto da cidadanía. Cómpre destacar, así mesmo, a relevancia desta colaboración, coincidindo coa conmemoración do centenario do nacemento do fundador, Isaac Díaz Pardo.

O conxunto da fábrica de Sargadelos de Cervo está declarado Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2014. Dentro deste recoñecemento inclúese, ademais da casa de Díaz Pardo, o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat, no que se conxuga a tradición e a modernidade e no que destaca o expresionismo da estrutura de formigón, ou o auditorio e departamento de Arte e Comunicación, creado para converter a fábrica de Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial. O conxunto complétase cunha Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, unha piscina descuberta, unha pasarela metálica e unha marquesiña de formigón.

Reactivación do complexo de CervoA reactivación do complexo de Cervo, como primeiro paso dun ambicioso proxecto autonómico, conta con varias iniciativas que serán recollidas nunha folla de ruta na que a Xunta de Galicia vai estar implicada co obxectivo de poñer en valor e difundir o legado cultural de máximo nivel de Díaz Pardo e Luís Seoane, tendo tamén en conta a súa pegada tanto no Castro (Sada) como en Santiago de Compostela.

Neste sentido, tal e como lembrou o conselleiro, o pasado verán inaugurouse a primeira fase do Museo de Sargadelos, un proxecto expositivo no concello lucense que recolle a historia da fábrica de cerámica e que ten previsto recuperar tamén a casa na que viviu Díaz Pardo, un elemento positivo na dinamización cultural e económica da Mariña.

Esta primeira fase do proxecto museográfico componse de sete salas expositivas nas que amosar parte do patrimonio de Sargadelos, que se completa con pezas de olería tradicional, obras de Luís Seoane ou do propio Díaz Pardo, xoiería, vidro ou as colaboracións con persoeiros ilustres e grandes ceramistas como Arcadio Blasco, Carmen Perujo, Silveiro Rivas ou Camilo José Cela. Tamén se recuperou o auditorio, onde se levarán a cabo experiencias culturais e proxeccións; a antiga sala de reunións, con finalidade expositiva, así como a antiga Biblioteca do Seminario cunha colección de máis de 1000 libros. O complexo inclúe unha taberna no antigo comedor.

Primeira mostra desde o pasamentoEsta alianza coa Fundación Sargadelos coincide coa celebración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, que a Xunta conmemorará cunha grande exposición na Cidade da Cultura, As miradas de Isaac, comisariada por dous dos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro. A mostra poderá verse no Museo Gaiás, do 6 de novembro de 2020 ao 4 de abril de 2021, e estará composta por obras de arte, diversos obxectos persoais, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións.

As miradas de Isaac é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu pasamento, no ano 2012, e ten como obxectivo facer un achegamento a un dos intelectuais máis decisivos na defensa da cultura galega da última centuria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre