Inicio Galicia A Xunta empeza a aplicar as novas rebaixas de impostos incluídas nos...

A Xunta empeza a aplicar as novas rebaixas de impostos incluídas nos orzamentos para 2020, que entran hoxe en vigor

0

Rebáixase o Imposto de Transmisións Patrimoniais, o Imposto sobre Sucesións e inclúese unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF


Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2020.- A Xunta empeza a aplicar as novas rebaixas de impostos incluídas nos Orzamentos Xerais de Galicia para o 2020, que entran hoxe en vigor. As contas deste ano inclúen novas rebaixas no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), no Imposto sobre Sucesións e unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

Desde hoxe, en Galicia aplícase unha rebaixa no imposto pola compra dunha vivenda usada en 3.459 parroquias que teñen a cualificación de zonas pouco poboadas (ZPP) e que representan o 94% do territorio galego. En todas elas, redúcese o ITP do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co obxectivo de fixar poboación no rural e dinamizar estas zonas.

Tamén entra en vigor hoxe a rebaixa no Imposto de Sucesións pola que todas as herdanzas de ata un millón de euros por herdeiro –sen contar a vivenda habitual- quedan libres de tributación. Isto permite que máis do 99,9% dos galegos non terán que pagar este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo (ascendente, descendente ou cónxuxe). Ademais, amplíase o acceso ás reducións xa existentes para favorecer a sucesión das empresas que permanecen dentro do ámbito familiar.

Finalmente incorpórase unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF que permite bonificar ata o 15% das actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética. En total, calquera particular pode bonificarse ata 1.350 euros, máis 150 euros para cubrir os custes da emisión do certificado de eficiencia enerxética.

Normalidade no ciclo orzamentarioGalicia mantén un ano máis a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central –que comeza este exercicio 2020 coas contas de 2018– e doutras comunidades que teñen que prorrogar os seus presupostos. Coas contas que hoxe entran en vigor, son 40 os anos consecutivos nos que Galicia consegue aprobar uns Orzamentos.

Os Orzamentos de Galicia para o ano 2020 medran un 3% e ascenden a 10.149 millóns, 300 millóns máis que no 2019. Ademais, inclúen o maior gasto social da historia da Autonomía -7.400 millóns de euros- e un incremento dos investimentos ata acadar os 1.691 millóns. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre