Inicio Galicia A Xunta eloxia a capacidade de readaptación permanente do sector pesqueiro froito...

A Xunta eloxia a capacidade de readaptación permanente do sector pesqueiro froito da constante análise dos seus retos

0

A conselleira do Mar salienta a necesidade de abordar aspectos sociais como o relevo xeracional e avanzar na comunicación dos tripulantes con terra e coas súas familias para facer máis levadía a vida a bordo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración das XXVI Xornadas Técnicas Expomar Burela 2019, onde destacou que este encontro reflicte a evolución da actividade pesqueira e a súa constante readaptación pois aborda todos os anos os temas de maior actualidade e controversia mediante a participación de representantes da Administración, técnicos do sector e investigadores. “Ao meu entender non podemos falar de crises neste sector, máis ben houbo unha readaptación permanente, polo que sempre soubo saír cara adiante”, salientou a titular de Mar.

A celebración das xornadas técnicas, que este ano coincide coa da feira bianual Expomar, é para o Executivo galego chave nesa readaptación do sector pesqueiro pois permite analizar os retos e inquedanzas dos profesionais do mar e obter as mellores receitas para superalos. “Nestas xornadas xuntamos xa vinte e cinco receitas e, a xulgar pola evolución, moitas delas tiveron que ser acertadas”, remarcou Rosa Quintana.

Entre os retos actuais do sector, a titular de Mar destacou a necesidade de abordar aspectos sociais como o relevo xeracional, para o que apostou por un esforzo común entre a Administración e o sector. Nesa liña, Galicia xa defendeu en Bruxelas a mellora da habitabilidade dos buque mediante axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e solicitou que o espazo de vida a bordo non contabilice como arqueo a efectos de esforzo pesqueiro. A conselleira tamén lembrou a necesidade de avanzar na comunicación dos tripulantes con terra e coas súas familias para facer máis levadía a vida a bordo.“Esta situación mesmo lla ensinamos ás persoas responsables do novo FEMP neste mesmo porto, onde puideron comprobar como convivir catro persoas, se non máis, nun camarote durante unha marea pode ser un factor determinante para o embarque de xente nova”, explicou Rosa Quintana, que tamén apostou por mellorar as condicións laborais e salariais como un aliciente máis para o embarque.

A conselleira do Mar sinalou ademais entre os retos do sector o fortalecemento da formación, adecuando as súas circunstancias e contidos á realidade, como os programas da FP dual ou outras iniciativas que se pretenden desenvolver en Galicia.

As xornadas técnicas abordarán outros asuntos de actualidade como a obriga de desembarque das capturas, a posta en marcha dos regulamentos de control e medidas técnicas e o brexit, aspectos que se analizarán no Consello Galego de Pesca, que celebra mañá o seu primeiro pleno fóra de Santiago e o primeiro trala súa renovación.“O sector fai gala da súa responsabilidade ao debater sobre os seus problemas, o que xoga a favor da súa solución. Se a iso lle sumamos as reflexións de expertos recoñecidos mundialmente, seguro que as conclusións serán acertadas”, concluíu Rosa Quintana.

Xornadas Técnicas Expomar BurelaAs xornadas técnicas celebrábanse tradicionalmente de xeito paralelo á Feira Expomar, pero co tempo adquiriron personalidade propia e diferenciada, polo que pasaron de celebrarse cada dous anos a facerse anualmente. É o motivo polo que a feira vai pola edición XVIII e as xornadas técnicas pola XXVI. Este encontro aborda todos os anos os temas de maior actualidade e controversia do sector co obxectivo de atopar solucións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre