Inicio Galicia A Xunta edita unha guía de emerxencias destinada aos peregrinos do Camiño...

A Xunta edita unha guía de emerxencias destinada aos peregrinos do Camiño de Santiago

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe esta publicación, dispoñible en tres idiomas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe a Guía de Emerxencias para a peregrinación polos camiños de Santiago, que recolle consellos prácticos, medidas de autoprotección e información en caso de emerxencia. No acto estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.

A guía -editada en castelán, galego e inglés- inclúe unha serie de apartados con consellos útiles para antes e durante a peregrinación como, por exemplo, ideas para a planificación antes de facer o Camiño ou información sobre a preparación física necesaria para inicialo e sobre medidas de seguridade.

Ademais, achega información sobre o número de teléfono europeo de Emerxencias, o 112, e fai referencia tamén aos problemas de saúde máis frecuentes, a consellos sobre como evitalos e cando debe solicitarse asistencia sanitaria.

A publicación atende tamén ás particularidades das peregrinacións en grupo, que sempre comportan unha maior complexidade. Por iso, no último punto aporta unha listaxe de verificacións que se deben facer sobre as necesidades e requisitos mínimos que se deben cumprir para poder rematar a ruta elixida sen complicacións.

Esta guía é un dos compromisos do Plan director do Camiño de Santiago, co que se está a preparar o Xacobeo 2021 e, ao mesmo tempo, se acompaña o crecemento sostido da ruta xacobea, que esta semana superou os 200.000 peregrinos, preto dun 8% máis que hai un ano.

De feito, a seguridade é un dos aspectos máis valorados polos peregrinos, tal e como se reflicte nas conclusións do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago que, por iniciativa da Xunta, realizou este ano a Universidade de Santiago de Compostela. Neste traballo, clave para unha mellor gobernanza deste fenómeno, a seguridade aparece como o aspecto máis valorado por parte daquelas persoas que peregrinan en solitario.

Colaboración con Protección CivilTamén neste compromiso coa seguridade inscríbese outra das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego na materia: o convenio coas agrupacións de Protección Civil de localidades situadas no Camiño para prestar unha mellor atención aos peregrinos, e ao que a Xunta destina un total de 100.000 euros.

Entre outras funcións, estes voluntarios encárganse de desenvolver tarefas relacionadas coa seguridade e apoio ás persoas que están percorrendo o Camiño como información ante fenómenos meteorolóxicos adversos, revisión do estado da sinalización e dos distintos tramos, atención ás solicitudes de axuda, ou información ao servizo de Emerxencias 112 nos casos necesarios.

Esta colaboración xa estaba en marcha no Camiño Francés con acordos acadados coas agrupacións de Sarria, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e Santiago de Compostela e este ano estendeuse tamén ao Camiño Portugués ás agrupacións de Ames, Teo, Padrón, Pontecesures, Valgas, Caldas de Reis, Portas, Barro, Pontevedra, Vilaboa, Redondela, Mos e o Porriño.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre