Inicio Galicia A Xunta e Pemade avanzan na súa aposta por impulsar a construción...

A Xunta e Pemade avanzan na súa aposta por impulsar a construción en madeira

0
image_gallery.jpg

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou na presentación da ‘Guía técnica para a implantación do marcado CE en produtos de madeira para a construción’


O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá na xornada en liña de presentación da Guía técnica para a implantación do marcado CE en produtos de madeira para a construción, froito da colaboración entre a Xunta e a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O marcado CE é o pasaporte para a comercialización dos produtos para a construción en todos os estados membros da UE. A guía presentada hoxe ofrece aos fabricantes e prescritores información práctica para a súa implantación, paso a paso. Deste xeito, avanzan as actuacións conxuntas entre as dúas institucións que teñen como obxectivo apoiar e acompañar o crecemento que se está desenvolvendo na construción en madeira tanto como elemento estrutural como no deseño e para impulsar o uso de madeiras locais. O director lembrou que a Xunta mantén aberto ata hoxe o prazo para solicitar axudas do programa destinado a fomentar a construción e o desenvolvemento de productos, proxectos e obras en madeira. Enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia, conta cun orzamento de 1,7M€ e prevé mobilizar máis de 9M€ e apoiar a realización de 170 iniciativas a través das catro liñas de axudas que inclúe. Os apoios están dirixidos tanto a empresas, microempresas e autónomos como persoas físicas, dependendo do tipo de actuación.

Por unha parte, Xera ofrece axudas para o desenvolvemento e fabricación de envases, embalaxes ou expositores realizados con madeira. Tamén para realizar obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos en madeira. Por outra parte, apóiase a redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais. Unha última liña destínase á redacción de proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou rehabilitación e reconstrución.

As axudas están en consonancia coa Axenda da industria forestal 2019-2021 que pretende que os produtos forestais actúen como o elemento central para fomentar a bioeconomía, utilizando a madeira como material de orixe natural, reciclable e reutilizable.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre