Inicio Galicia A Xunta e os enxeñeiros industriais colaborarán para identificar novos proxectos para...

A Xunta e os enxeñeiros industriais colaborarán para identificar novos proxectos para que Galicia teña a mellor candidatura posible aos fondos Next Generation

0
image_gallery.jpg

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co director de xestión do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Pablo Pérez


O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe co director de xestión do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e da Asociación de Industriais de Galicia, Pablo Pérez, no marco dos encontros cos diferentes axentes económicos e sociais e organizacións para identificar cal é a mellor candidatura posible para os fondos europeos Next Generation.

Neste sentido, Conde sinalou que “imos traballar conxuntamente para validar as diferentes iniciativas que estamos recibindo desde a iniciativa privada e promover outras novas que desde o Colexio se poidan identificar”. O vicepresidente económico salientou que “seguimos impulsando os proxectos europeos para traballar na transformación económica e social de Galicia”, lembrando que “a economía circular, a dixitalización, as iniciativas vinculadas coa transición enerxética e coa modernización dos servizos públicos son os catro obxectivos que temos identificados para poder abordar esa transformación”.

Neste contexto, o responsable de Economía, Empresa e Innovación indicou que a Xunta sigue esperando que o Goberno central “nos dea a oportunidade de presentar polo miúdo estes proxectos”. Neste sentido apuntou que se ten solicitado unha reunión co Departamento de Asuntos Económicos e G20 para poder avaliar e seguir traballando na candidatura galega aos fondos Next Generation, para “abordar non só a recuperación derivada da pandemia sanitaria, senón tamén transformar e mirar a Galicia do ano 2030, cunha perspectiva máis social, máis dixital, e tamén máis renovable”.

No encontro celebrado esta mañá co representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais tamén se abordou o potencial da futura Lei de reactivación de Galicia para atraer proxectos cara a Comunidade que contribúan á creación de riqueza e emprego, facilitando ao mesmo tempo o labor de profesionais como os enxeñeiros industriais ao avanzar na simplificación administrativa.

Tal e como lembrou Conde, a futura lei que se está a elaborar pivota sobre tres claves: a axilización administrativa, con puntos de atención ao investidor; a ampliación a máis supostos da posiblidade de declaración responsable ou comunicación previa; e a xeralización do silencio administrativo para a implantación de iniciativas, salvo disposición legal que especifique a necesidade de emitir unha resolución expresa, entre outros aspectos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre