Inicio Galicia A Xunta e o sector tecnolóxico colaboran para captar talento dixital entre...

A Xunta e o sector tecnolóxico colaboran para captar talento dixital entre os galegos do exterior

0

En marzo abrirase a canle Retorna Dixital, dentro do portal Retorna, para facilitar o encontro entre perfís dixitais interesados en voltar á Galicia e empresas TIC

O vindeiro mes de marzo activarase a canle Retorna Dixital, un espazo dentro do portal Retorna da Xunta, que busca captar talento entre os galegos do exterior para o sector tecnolóxico. Así o explicaron esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o secretario de Emigración, Antonio Rodríguez, durante a xuntanza de traballo que mantiveron coas empresas asinantes do Pacto Dixital e o Clúster TIC galego para explicarlles os detalles da iniciativa.

A canle Retorna Dixital, que se xestionará dende a Oficina Retorna, permitirá que as empresas adheridas publiquen as súas ofertas de emprego tecnolóxico, ás que calquera galego ou galega do exterior poderán remitir o súa solicitude. A Oficina Retorna coordinará esta canle de contacto directo entre o sector dixital e os interesados en retornar a Galicia, e que complementará cos seus servizos de acompañamento ao retornado.

Ademais das empresas adheridas, que asumen o compromiso de publicar as súas ofertas laborais, o portal disporá dun directorio de empresas tecnolóxicas que os profesionais interesados en retornar a Galicia poderán consultar e contactar directamente.

As empresas asinantes do Pacto Dixital Indra, Everis, Iecisa, Televés, R Altia, Coremain, Telefónica, Vodafone, DXC e o Clúster TIC Galicia xa figuran como empresas adheridas e a iniciativa Retorna Dixital está aberta á incorporación de calquera outra empresas tecnolóxica que así o solicite.

Máis de 3.400 empresas no Hipersector TIC galegoRetorna Dixital, enmárcase no Plan DigiTalent da Xunta que se está a desenvolver en colaboración co sector tecnolóxico para impulsar as vocacións tecnolóxicas fomentar os novos perfís dixitais e reforzar as capacidades dos profesionais que teñen que liderar a transformación dixital.

Cómpre lembrar a elevada demanda de profesionais especializados por parte do sector tecnolóxico e as dificultades que atopa para cubrila. O Clúster TIC apunta a unhas 1.000 vacantes actualmente en Galicia. O Hipersector TIC galego emprega a máis de 23.300 profesionais, a cifra máis alta dos últimos cinco anos e concentra máis de 3.400 empresas.

Actividades 2020 Plan DigiTalentNo encontro abordouse, tamén, o calendario de actividades do Plan DigiTalent para o presente ano. Entre os primeiros fitos do 2020, está convocatoria das Bolsas DigiTalent, que se lanzará a vindeira semana, e que oferta 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en 21 empresas do sector tecnolóxico.

Ademais, co obxectivo de promover as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos, impartiranse a partir de marzo máis de 70 charlas en centros educativos de Galicia vinculadas a novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, Blockchain, Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras. Os encargados de impartir os relatorios serán profesionais de Altia, DXC Technology, everis, Iecisa, Indra, Orange e Vodafone, e os centros tecnolóxicos Gradiant e CiTius.

Antes do remate do curso, lanzarase a cuarta edición do programa “Tecnólogo por un día”, que ofrece a máis de 50 estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais da man de Altia, Coremain, everis, Optare Solutions, Sixtema e Tecalis.

A estas actividades súmanse as 21 iniciativas propias das empresas que colaboran no Plan. Toda a actualidade sobre as iniciativas incluídas no catálogo DigiTalent, está dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle as datas, localizacións e instrucións para a participación en cada unha delas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre