Inicio Galicia A Xunta e o Norte de Portugal apostan pola cooperación transfronteiriza para...

A Xunta e o Norte de Portugal apostan pola cooperación transfronteiriza para facer fronte ao escenario postcovid-19

0
image_gallery.jpg

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión co presidente da CCDR-N, António Cunha, para avanzar no Plan para a Reactivación da Cooperación de Proximidade na Fronteira do Norte de Portugal con Galicia


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión co novo presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha, para fomentar a cooperación transfronteiriza co obxectivo de afrontar a nova realidade postcovid-19 a través do traballo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión e de proxectos conxuntos. Ao encontro tamén asistiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

No encontro abordouse a importancia de avanzar na posta en marcha do Plan de Reactivación da Cooperación de Proximidade na Fronteira do Norte de Portugal con Galicia. O texto foi elaborado pola AECT da Eurorrexión en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza.

Un dos obxectivos do Plan é actuar en conxunto para conseguir que os fondos europeos para o período 2021-2027 teñan en conta de forma especial ás áreas de fronteira. Por iso, o Plan contempla proxectos presentados por Eurocidades, concellos e AECTs dotados cun investimento de case 3 millóns de euros. O Plan estudarase no próximo Plenario da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, no que tamén se prevé relanzar un novo Plan de Investimentos Conxuntos (PIC) para maximizar o novo marco orzamentario plurianual da UE 2021-2027 no territorio da Eurorrexión.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a importancia do PIC para planificar de forma conxunta os investimentos da Eurorrexión e que no próximo período financeiro apostará pola innovación, a ecoloxía, a cohesión e o desafío demográfico.

Nesta liña, destacou o traballo e a aposta pola cooperación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que grazas á súa boa xestión e a iniciativas como o PIC, conseguiu situarse como a primeira en captación de investimento no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP), entre 2014 e 2020, cun total de 135 millóns de euros para a posta en marcha de 80 proxectos. En concreto, tal e como sinalou Alfonso Rueda, case o 60% do investimento a iniciativas transfronteirizas foron para as presentadas por Galicia e o Norte de Portugal.

Por iso, incidiu en que a Eurorrexión ten que seguir a manter esa posición de liderado, polo que é necesario acordar, como se fixo nesta reunión, “un marco común e sentar as bases dos criterios para os proxectos que se vaian presentar co obxectivo de captar fondos europeos”.

Alfonso Rueda apelou a continuar a cooperar no ámbito da Eurorrexión con iniciativas en conxunto que beneficien aos cidadáns de ambos lados da fronteira. Así, confía en que as “boas relacións” e estes anos de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal permitan “seguir conseguindo fondos”, en especial neste ano marcado polo peche da fronteira durante o estado de alarma pola covid-19.

Na reunión de hoxe abordáronse ademais as propostas consensuadas entre a Xunta e o Norte de Portugal que se avaliaron no Cumio Ibérico celebrado o pasado outubro entre os gobernos de España e Portugal. Nesta liña, ambas institucións seguen a reclamar un impulso do Camiño Portugués a Santiago de Compostela para dar un novo pulo ao Xacobeo 2021, a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e Porto e a construción da saída sur de Vigo para prolongar esta liña, así como a conexión internacional por autovía entre Galicia e o noreste portugués.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre