Inicio Galicia A Xunta e o Norte de Portugal apostan pola cooperación transfronteiriza no...

A Xunta e o Norte de Portugal apostan pola cooperación transfronteiriza no ámbito da economía azul

0

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal destaca o seu compromiso co fomento da cooperación en tódolos sectores vinculados ao mar e á actividade marítima

A Xunta e o Norte de Portugal defenden a cooperación transfronteiriza en tódolos sectores vinculados ao mar e á actividade marítima. Así o explicou a subdirectora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Graça Fonseca, nunha mesa redonda online con máis de 150 participantes na que incidiu no compromiso da institución coa cooperación no ámbito da economía azul.

Así, repasou os ámbitos nos que se sustancia o compromiso da AECT da Eurorrexión, tanto directamente -coa participación no proxecto BlueHuman ou a colaboración coa organización do Business2Sea- como indirectamente -a través do programa IACOBUS ou impulsando instrumentos de cooperación coma a RIS3 Transfronteriza ou o Plan de Investimentos Conxuntos (PIC)-.

A mesa redonda celebrouse no marco do Business2Sea 2020, organizado por Fórum Oceano e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar coa colaboración da AECT da Eurorrexión. O Business2Sea está a reunir ao longo desta semana a representantes de diferentes sectores vinculados co mar para debater sobre o futuro da economía azul e o compromiso co Pacto Verde.

Neste foro, profesionais, técnicos e investigadores tamén analizaron aspectos clave para o financiamento da cooperación transfronteiriza en materia de economía azul no próximo marco orzamentario 2021-2027 e presentáronse iniciativas que están a ser desenvolvidas de maneira conxunta entre Galicia e o norte de Portugal.

Cooperar buscando unha Eurorrexión máis azulNa mesa redonda moderada polo director da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago, interviu o profesor da Universidade de Vigo, Luis Domínguez, que adiantou algunhas liñas do que será o novo PIC 2021-2027, impulsado pola AECT, e que está a ser elaborado en coordinación coa Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N).

Susana Bastón, do CETMAR, e Carlos Pinho, do INESC TEC, mostraron unha proposta para a creación dunha zona de probas transfronteiriza para a produción de enerxía renovable. Este proxecto dá mostra das sinerxias que se poden xerar grazas á cooperación dentro da Eurorrexión, e que resulta de proxectos financiados polo programa IACOBUS permitindo o intercambio de persoal entre ambos organismos.

Por último, Carlos Fernandes, do Instituto Hidrográfico de Portugal, mostrou os resultados dun exercicio de loita contra a contaminación desenvolvido de maneira conxunta entre Galicia e Portugal, un ámbito no que a resposta combinada pode asegurar unha maior efectividade e un uso máis eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre