Inicio Galicia A Xunta e o Goberno Central avanzan na coordinación en materia de...

A Xunta e o Goberno Central avanzan na coordinación en materia de xustiza

0

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, mantiveron hoxe un encontro de traballo para avaliar as demandas da comunidade galega neste ámbito


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe en Madrid co ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, para abordar as demandas de Galicia en materia de xustiza e reforzar a coordinación entre a Administración autonómica e o Goberno central neste ámbito. Ao encontro tamén acudiu o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.

Durante o encontro, Alfonso Rueda solicitou coñecer os órganos xudiciais que lle corresponderán á comunidade galega para este ano e pediu ao Ministerio que, á hora de decidir os xulgados a crear, atenda as peticións que se realizan desde a comunidade autónoma, que proveñen da Comisión Mixta -Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia-. Ademais, trasladou o compromiso do Goberno galego de dotalos dos medios necesarios para a súa posta en marcha e reforzar o persoal auxiliar dos xulgados con maior carga de traballo.

O vicepresidente da Xunta tamén demandou avanzar na coordinación entre as comunidades e o Ministerio no ámbito das novas tecnoloxías aplicadas á xustiza para poder contar cun sistema común que permita que os distintos procedementos informáticos entre as autonomías se poidan comunicar entre eles. Desta forma, avogou por dar o impulso definitivo para a implantación das tecnoloxías nesta materia co obxectivo de contar “cunha xustiza moderna e dixital máis áxil, achegada á cidadanía e con menos burocracia”.

A Xunta xa ten avanzado nos últimos anos na modernización e a dixitalización da Administración de Xustiza a través do Plan Senda con medidas como o uso do visor do Expediente Xudicial Electrónico, a sinatura dixital ou a posta en marcha de sistemas de videoconferencias na totalidade dos partidos xudiciais galegos.

Alfonso Rueda sinalou ademais a importancia de revisar unha taxa de interinidade que contribúa a estabilizar os postos de traballo na Administración de Xustiza e propúxolle ao ministro abordar o definitivo modelo do Rexistro Civil para mellorar o servizo que se presta aos cidadáns. Neste tema tamén apelou á coordinación, xa que esixe da intervención das comunidades, o Ministerio e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

O ministro confirmoulle ao vicepresidente da Xunta que todos estes temas retomaranse na conferencia sectorial de Xustiza que está prevista que se celebre o próximo mes e que non se convoca desde outubro de 2018.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre