Inicio Galicia A Xunta e o concello de Ribeira colaboran para dotar á comarca...

A Xunta e o concello de Ribeira colaboran para dotar á comarca do Barbanza dun novo auditorio cultural

0

O conselleiro de Cultura e Turismo e o alcalde Manuel Ruíz asinaron hoxe un convenio no que se investirán 400.000 euros nos próximos tres anos


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, asinaron hoxe un convenio de colaboración que permitirá a construción dun novo auditorio neste concello que dará servizo a toda a comarca do Barbanza.

Ao abeiro deste convenio aprobado a semana pasada en Consello da Xunta, investiranse 400.000 euros nos próximos tres anos. O futuro edificio contará cunha sala principal cun aforo de 512 persoas que exercerá como auditorio, sala de usos múltiples ou sala de teatro, que posibilitará a realización de actividades de dramaturxia, concertos, recitais ou conferencias.

A nova infraestrutura disporá, ademais, dunha sala adicional independente para usos variados que requiran menor espazo e albergará unha sala de ensaios que comunicará directamente co escenario. Para o deseño formulouse un procedemento de contratación de concurso de ideas, co fin de concibir unha proposta singular e funcional, en sintonía coas liñas arquitectónicas do novo mercado municipal ou da nova lonxa.

Integración co espazo públicoPreténdese, así mesmo, completar a actuación co tratamento dunha área verde contigua para favorecer a integración do novo edificio co espazo público, creando así un ámbito social no corazón do núcleo urbano, destinado ao lecer dos cidadáns que evitará a necesidade de viaxar a outros municipios para esta finalidade e favorecerá a integración de barrios periféricos no espazo urbano.

No marco desta colaboración, Ribeira disporá dunha dotación acorde coa súa poboación, de máis de 28.000 habitantes que servirá de punto de encontro sociocultural para os cidadáns da contorna.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre