Inicio Galicia A Xunta e o Concello de Ribadumia colaboran no acondicionamento do parque...

A Xunta e o Concello de Ribadumia colaboran no acondicionamento do parque infantil do recinto do centro rural agrupado

0

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. visitaron hoxe o concello para coñecer de primeira man as melloras

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe acompañados do alcalde de Ribadumia, David Castro, as obras de acondicionamento do parque infantil do recinto do Centro Rural Agrupado (CRA) levadas a cabo grazas á colaboración entre o Goberno galego e o concello.

Marta Fernández-Tapias e Cores Tourís comprobaron in situ os traballos realizados no parque infantil, que contaron cunha axuda da Orde de Infraestruturas de uso público da Vicepresidencia duns 23.400 euros.

O proxecto contempla o traslado do parque á fronte do CRA para que todos os aparellos de xogo cos que conta o recinto queden xuntos e non partidos como ata agora en dúas zonas e atravesados por zonas de tránsito. Ademais, a área de xogos infantís quedará limitada por un valado que garanta que os rapaces estean nun espazo controlado e seguro. O parque contará cun novo pavimento de caucho adecuado para o uso diario da zona de xogos.

A Administración autonómica ten colaborado co co concello Ribadumia en obras de interese que repercuten en melloras directas no día a día dos cidadáns mediante axudas como a Orde de infraestruturas ou o Fondo de Compensación Ambiental. Ao abeiro destas subvencións, leváronse a cabo rehabilitacións de parques infantís, melloras do alumeado público e do saneamento de varios núcleos, así como actuacións de conservación ambiental nos núcleos rurais dos nove concellos da Mancomunidade do Salnés, da que forma parte Ribadumia. O investimento no concello nos últimos anos ascende a máis de 686.000 euros.

No caso da Orde de infraestruturas de uso público, a Xunta subvenciona, entre outras actuacións, a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; a pavimentación de camiños públicos municipais; así como a construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís, de edificios ou dependencias municipais ou de instalacións deportivas de uso público. Tanto para os inmobles municipais como nos espazos deportivos tamén se financia a dotación de equipamento.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre