Inicio Galicia A Xunta e o Concello de Ourense destacan que a zona das...

A Xunta e o Concello de Ourense destacan que a zona das Burgas dispón da capacidade termal necesaria para acoller un hotel balneario

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o alcalde, Jesús Vázquez, mantiveron un encontro no que avaliaron o estudo realizado para coñecer o potencial termal das Burgas


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantiveron un encontro no que avaliaron o estudo realizado pola Xunta a proposta do rexedor ourensán sobre o potencial de explotación termal da zona das Burgas, que avala a viabilidade técnica da construción dun hotel balneario neste entorno.

Segundo os informes encargados pola Consellería á empresa Geocisa, cos caudais potencialmente explotables nos terreos do antigo cárcere, que inclúen tanto o punto de saída de auga termal desta zona como os situados no Xardín das Burgas e nos Baños de Outeiro, poderíanse obter ata 2,85 litros por segundo sen causar afectación. Isto faría viable a construción dun hotel balneario axustado e dimensionado ao devandito caudal.

Ata a data non se fixera unha cuantificación do caudal para determinar o aproveitamento racional das augas termais da cidade de Ourense. Para a realización do estudo do funcionamento hidroxeolóxico do conxunto das Burgas, ademais dunha análise documental previa, efectuáronse traballos de campo de recoñecemento xeolóxico e hidrolóxico que permitiron actualizar o inventario de puntos de auga subterránea e vinculalos á rede de fracturación existente.

Posteriormente, realizouse unha monitorización automatizada de mananciais e sondaxes para medir en continuo durante varios meses o caudal, a temperatura e o nivel da auga termal. Por outra banda, recompiláronse datos pluviométricos do lugar. Tamén se realizaron as análises químicas e isotópicas correspondentes das augas. Nunha terceira fase da investigación, leváronse a cabo probas hidráulicas para obter parámetros hidroxeolóxicos do acuífero termal e para establecer a relación e afectación mutua entre os distintos puntos de afloramento termal da zona.

O estudo enmárcase na colaboración aberta co Concello de Ourense para aproveitar a capacidade termal da cidade a través de proxectos como o EcoBarrio, que prevé establecer a primeira rede de Europa de district heating aproveintado a xeotermia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre