As obras serán financiadas polo Goberno galego cun orzamento de case 117.000 euros
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, un convenio de colaboración para mellorar a accesibilidade ao coto Xallas- Beba.
Estas actuacións terán un orzamento de preto de 117.000 euros, inferior ao inicialmente previsto, uns 266.000 euros, ao renunciar o Concello de Dumbría, que tamén forma parte desta área, a asinar o convenio.
O prazo de execución é de tres meses e tramitarase por encargo a Tragsa no primeiro trimestre do ano.
Os traballos consistirán na renovación de 7 pasos de pescadores e na creación de dúas plataformas de pesca en Colúns que permitan a práctica da actividade a persoas con mobilidade reducida.
Os pasos actuais substituiranse por outros de madeira de piñeiro dun metro de ancho. Tres deses pasos ubicaranse na marxe dereita cunha lonxitude de 17 metros e catro na marxe esquerda cunha lonxitude de 21 metros.
Na zona de Colúns tamén se instalarán dúas plataformas para a pesca de 10 metros de ancho. Ademais á entrada de cada plataforma disporanse uns bolardos que impidan o paso de vehículos ás plataformas.
No que se refire ás obrigas establecidas no convenio, unha vez executadas as obras, o Concello de Mazaricos encargarase do mantemento e conservación das mesmas.