Inicio Galicia A Xunta e o Concello de Burela acordan colaborar para solicitar a...

A Xunta e o Concello de Burela acordan colaborar para solicitar a Costas do Estado axilidade nos trámites para avanzar na mellora do saneamento e da nova depuradora

0
image_gallery.jpg

A directora informou ao alcalde da inminente adxudicación da redacción do proxecto de construción da nova estación depuradora de augas residuais, co obxectivo de comezar os traballos en novembro


A Xunta e o Concello de Burela acordaron hoxe colaborar para solicitar a Costas do Estado axilidade nos trámites necesarios para avanzar nos proxectos que conducirán á mellora da rede de saneamento e á construción da nova depuradora.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde, Alfredo Llano, para abordar a situación das actuacións que está a impulsar a Xunta no municipio, para a mellora da rede de saneamento e a nova estación depuradora de augas residuais de Burela.

A responsable de Augas explicoulle que para ambas as dúas actuacións a Xunta está a realizar unha tramitación ambiental conxunta, polo que é preciso a súa colaboración para axilizar os trámites ante Costas do Estado, tendo en conta a lentitude e as trabas que este organismo estatal está a poñer.

O rexedor comprometeuse a apoiar a solicitude de Augas de Galicia para obter o permiso de ocupación de dominio marítimo-terrestre, necesario para executar as obras.

Na reunión, na que ademais participaron técnicos dos proxectos, a directora avanzoulle ao alcalde a adxudicación inminente da redacción do proxecto de construción da nova estación depuradora de Burela, para poder comezar os traballos no mes de novembro. Este contrato permite que a redacción do proxecto construtivo, así como a obra posterior, conten con cofinanciamento do programa europeo FEDER Galicia 2014-2020.

Tamén informou ao rexedor da previsión de iniciar ao longo do mes de outubro a supervisión do proxecto para a mellora do sistema de saneamento de Burela, de competencia municipal, que está a piques de rematar. Trátase do proxecto que dará resposta á rede unitaria municipal, moi desenvolvida con deficiencias produto da mala xestión das augas pluviais.

Para resolver esta problemática, a actuación na que traballa a Xunta prevé a instalación dunha estación de tratamento e bombeo de augas residuais na zona portuaria para concentrar o caudal recollido polos colectores da contorna do porto e permitir o seu bombeo á nova depuradora de Burela tras un desbaste previo. No encontro, Augas de Galicia avanzou a próxima limpeza dos treitos interurbanos dos ríos no municipio, para o que Concello remitirá os puntos prioritarios de actuación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre