Inicio Galicia A Xunta e o Concello de Baleira asinan o convenio para a...

A Xunta e o Concello de Baleira asinan o convenio para a xestión do centro para maiores do Concello

0

As instalacións teñen unha capacidade máxima de 24 prazas de residencia e 20 de centro de día


A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Baleira, Ángel Enrique Martínez, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a xestión e cofinanciamento da nova residencia e centro de día do Cádavo, en Baleira, que estará incluído na rede de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia.

A sinatura deste convenio é o último paso necesario para a entrada en funcionamento deste servizo, que xa desde o pasado mes de outubro conta co correspondente Permiso de Inicio de Actividade (PIA). Así mesmo, logo de ser equipado e amoblado e adxudicada a xestión á empresa Alalás, só agardaba pola aprobación do convenio por parte do Concello e pola súa rúbrica.

O centro ten unha capacidade máxima de 24 prazas de residencia e 20 de centro de día. Das prazas á residencia, 16 serán de titularidade autonómica e 8 de titularidade municipal.

Neste sentido, prevese que neste mesmo mes de maio ingresen no centro os primeiros usuarios, tendo en conta que a súa incorporación –como no resto de centros da rede autonómica para maiores- será gradual, dependendo da formalización dos trámites administrativos preceptivos (recoñecemento do grao de dependencia do usuario, asignación de recurso por parte da Xunta de Galicia, entrega da documentación, aceptación por parte dos usuarios do recurso asignado). No caso das prazas de titularidade municipal, o acceso rexerase pola normativa específica que aprobará para tal fin o propio Concello.

Ademais de fixar os termos da xestión do centro, o convenio que asinaron hoxe a conselleira e o alcalde de Baleira establece o réxime de cofinanciamento dese servizo. Cómpre sinalar que o equipamento está situado no número 2 da Travesía de Lugo, no lugar de Cádavo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre