Inicio Galicia A Xunta e o Concello de Arteixo propoñen ao Ministerio de Fomento...

A Xunta e o Concello de Arteixo propoñen ao Ministerio de Fomento unha solución inmediata, barata, e sostible para regularizar o acceso ao Porto exterior da Coruña e liberar a peaxe de Pastoriza

0

Trátase de que o Goberno de España asuma a titularidade da AG-55 entre A Coruña e Arteixo e se elimine a súa peaxe mediante o pago de 3,8 millóns de euros en 5 anos, evitando así un investimento de, polo menos, 32 millóns de euros na execución da alternativa planificada, de forte impacto territorial


A Coruña, 22 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo propóñenlle ao Ministerio de Fomento unha solución “inmediata, barata e sostible” para regularizar a situación do acceso ao Porto exterior da Coruña e liberar a peaxe de Pastoriza.

Trátase de que o Goberno de España asuma a titularidade da AG-55 entre A Coruña e Arteixo e se elimine a súa peaxe mediante o pago de 3,8 millóns de euros en 5 anos, evitando así un investimento de, polo menos, 32 millóns de euros na execución da alternativa planificada, de forte impacto territorial.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, presentaron hoxe en rolda de prensa o contido da proposta de convenio trasladada conxuntamente ao Goberno de España coa fin de solucionar a situación do acceso a Langosteira reducindo custos, reducindo impacto territorial e reducindo o investimento previsto.

O Ministerio de Fomento puxo en servizo no ano 2016 unha vía de acceso ao Porto exterior da Coruña ao que os vehículos acceden a través da autoestrada autonómica de peaxe AG-55. Para que os tráficos portuarios tivesen acceso gratuíto ás instalacións, a Xunta asinou un convenio de colaboración co Ministerio de Fomento polo que este se comprometía a pagar unha peaxe en sombra para compensar á concesionaria polo paso deses vehículos.

Sen embargo, ese convenio non foi renovado, de forma que actualmente 19.000 vehículos acceden ao mes á estrada de acceso ao Porto da Coruña de forma irregular, en prexuízo da Administración autonómica, titular da concesión da AG-55.

Ethel Vázquez e Carlos Calvelo explicaron que a súa proposta pasa por que o Ministerio de Fomento asuma a titularidade da AG-55 no treito entre A Coruña e Arteixo de forma que o Porto exterior da Coruña poida contar cun acceso a través dun itinerario de titularidade estatal continuo desde a A-6, tal e como fixa a lei estatal de estradas.

Así mesmo ofrécese unha fórmula para liberar de peaxe ese treito, dotando o porto dun acceso libre de peaxe e regularizado e investindo unha cantidade de diñeiro público notablemente inferior á que suporía a construción da nova vía de acceso a Langosteira planificada polo Ministerio de Fomento,. recorrida xudicialmente polo Concello de Arteixo e con forte impacto no territorio.

A Xunta e Concello de Arteixo, aseguraron a súa disposición a facilitar ao máximo este acordo global, integral e legal, un acordo baseado no interese público e no máximo beneficio dos cidadáns. Por iso, no texto do convenio se recolle o compromiso do Concello de Arteixo de aplicar a máxima bonificación permitida legalmente sobre o imposto municipal de Bens Inmobles de Características Especiais (BICE), que está a pagar a concesionaria da autoestrada e que reducirá o custo a afrontar polo Ministerio de Fomento para liberar a peaxe. A proposta supón unha bonificación do 90%.

E a Xunta, facilitaralle a Fomento o pagamento da compensación que garante o equilibrio económico financeiro da concesionaria da AG-55, permitindo o abono da compensación en 5 anos para que sexa asimilable e viable por parte do Goberno de España: Achegando o Ministerio de Fomento entre 2020 e 2024 unha contía anual de 3,81 millóns de euros, sumando unha cantidade moi inferior aos 32 millóns de euros que, polo menos, suporía a construción da alternativa planificada.

A conselleira apuntou que esa vía de nova construción é manifestamente incompatible coa planificación de estradas da Xunta, a planificación do Concello da Coruña, e incompatible coa propia lei de estradas estatal.

A fórmula plantexada permitiría optimizar a rede viaria de conexión entre A Coruña, Arteixo e a infraestrutura portuaria, facilitar a construción do enlace de Meicende na AC-15, condicionado pola necesidade de garantir o reequilibrio económico-financeiro da concesionaria da AG-55.

Esta alternativa ofrece ao Ministerio de Fomento, subliñou Ethel Vázquez, a solución máis inmediata, sinxela, menos custosa, sostible e máis funcional para favorecer o acceso a unha infraestrutura estratéxica como é o Porto exterior.

E sen dúbida, remarcou, redundará nunha maior competitividade para as empresas da zona, como as do grande asentamento industrial do Polígono de Sabón, e favorecerá a mobilidade entre estes municipios, ao poñer á disposición do conxunto dos cidadáns unha alternativa libre de peaxe.

Ethel Vázquez expresou a confianza en poder abordar este asunto co Ministerio de Fomento e poder chegar a un acordo que é clave para a competitividade e para a mobilidade de toda a área da Coruña e da súa contorna.

Neste eido, Xunta e Concello de Arteixo agardan vontade, compromiso e corresponsabilidade por parte do Ministerio de Fomento que saía das vindeiras eleccións, esperando que acepte e valide esta proposta sustentada no interese público. E, en todo caso, concluíu, o actual Goberno en funcións debe ser responsable e iniciar os trámites oportunos para a súa tramitación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre