Inicio Galicia A Xunta e o Concello acadan un principio de acordo sobre o...

A Xunta e o Concello acadan un principio de acordo sobre o convenio de colaboración para o impulso do novo hospital público da Coruña

0

O Goberno galego remitiralle de forma inmediata á Administración local unha nova proposta de convenio que reflicta os aspectos acordados hoxe, co obxectivo de que poida ser asinado o antes posible


A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña acadaron hoxe un principio de acordo sobre o convenio de colaboración para o impulso do novo hospital público da cidade. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron hoxe un encontro por videoconferencia coa alcaldesa, Inés Rey, co obxectivo de avanzar no proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

O Goberno galego remitiralle de forma inmediata á Administración local unha nova proposta de convenio que recolla os aspectos acordados na reunión de hoxe, coa finalidade de que poida pecharse e asinarse o texto o antes posible.

A Xunta e o Concello acordaron que o proxecto para a ampliación do CHUAC se tramitará mediante a figura urbanística do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, por entenderse que este mecanismo é o que ofrece maiores garantías e axilidade para este tipo de actuacións.

Trátase do procedemento seguido para o impulso das obras de ampliación e reforma do hospital público de Pontevedra, que permitiu a licitación, precisamente onte, da primeira fase do Gran Montecelo, por 115 millóns de euros.

Para evitar incertezas nas arcas municipais, limitaranse as achegas comprometidas polo Concello da Coruña para o financiamento das expropiacións. No caso de que durante o procedemento expropiatorio os custos superen as contías inicialmente previstas, a Xunta de Galicia asumirá a diferencia.

En relación coas expropiacións, propcurarase en todo momento compatibilizar a menor afección ás vivendas coas garantías de funcionalidade do hospital.

Establecerase, así mesmo, unha contía máxima para o financiamento dos accesos por parte do Concello, que poderá procurar a implicación económica doutras administracións, como fixo o Concello de Pontevedra coa Deputación provincial.

A ampliación do hospital da Coruña é dunha actuación imprescindible, cuxa necesidade quedou aínda máis refrendada coa crise do COVID-19. Na xuntanza, o Goberno galego trasladou a necesidade de avanzar con determinación no proxecto para poder acceder a unha posible convocatoria de fondos europeos para infraestruturas hospitalarias.

A ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña suporá un investimento total estimado en 395 millóns de euros e ten como finalidade dobrar a superficie hospitalaria actual. O obxectivo da Xunta é licitar a primeira fase das obras proximamente.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre