Inicio Galicia A Xunta e Hijos de Rivera asinan o maior contrato de patrocinio...

A Xunta e Hijos de Rivera asinan o maior contrato de patrocinio da historia do Xacobeo por un importe de 5,8 millóns de euros

0

O grupo empresarial galego comprométese á promoción nacional e internacional do vindeiro Ano Santo en todos os soportes e accións que desenvolva


A Xunta e Hijos de Rivera asinan o maior contrato de patrocinio da historia do Xacobeo ata o momento por un importe de 5,8 millóns de euros. A administración autonómica e o grupo empresarial acadan un acordo polo que esta se converte na primeira empresa que se incorpora ao programa de promoción nacional e internacional do Xacobeo 21. Así, contribuirá á proxección e difusión desta celebración, que estará presente en todos os soportes e accións que desenvolva nos próximos tres anos.

A achega que Hijos de Rivera realiza ao Xacobeo 21 destinarase a un amplo abano de iniciativas do ámbito cultural, entre elas festivais de musica ou iniciativas das industrias culturais e creativas da Comunidade, en liña cos obxectivos fixados no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que se presentará este mes e que busca facer desta celebración un evento participativo, sustentable e descentralizado, deixándose sentir en todo o territorio galego.

A través do programa de beneficios fiscais, o Xacobeo 21 apoiará distintos proxectos que se desenvolverán no marco do Ano Santo. Mediante o acordo asinado entre a Xunta e Hijos de Rivera, dita empresa realiza unha doazón ao sistema de patrocinios por un importe de 5,8 millóns de euros para os próximos tres anos, o período de aplicación destas desgravacións.

A Xunta promove esta política de patrocinios, que proxecta o Xacobeo 21 e xera recursos adicionais cos que impulsar proxectos vencellados ás industrias culturais propias. Apoiaranse todo tipo de iniciativas que destaquen pola súa proxección internacional e o retorno que xeran e que contribúan a fortalecer as artes galegas en todas as súas manifestacións.

Cómpre ter en conta que a Lei 6/2018, de 3 de xullo, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2018 outorga ao Ano Santo Xacobeo 2021 a consideración de acontecemento de excepcional interese público. En virtude disto, habilítanse unha serie de beneficios fiscais recollidos no artigo 27.3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado que a Xunta está a impulsar.

Neste contexto, o programa de beneficios fiscais xa está operativo desde o pasado 6 de novembro, tras recibir o visto e prace do Consejo Jacobeo, e estenderase ata o 30 de setembro de 2021, ampliando así a repercusión deste evento na Comunidade e permitindo que o tecido empresarial sexa parte fundamental e participe activamente na súa organización.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre