Inicio Galicia A Xunta e Farmamundi colaboran nunha iniciativa destinada a paliar os efectos...

A Xunta e Farmamundi colaboran nunha iniciativa destinada a paliar os efectos da covid-19 no Líbano

0

Arredor de 1.750 persoas das zonas máis desfavorecidas do país e as que foron afectadas polas explosións na cidade de Beirut o pasado agosto recibirán cestas de alimentos e kits de hixiene

A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, vén de activar o convenio de colaboración entre ambas entidades para actuar ante emerxencias humanitarias, co obxectivo de levar a cabo unha intervención de prevención e resposta á crise sanitaria do coronavirus no Líbano. En concreto, na cidade de Beirut, onde se produciron dúas explosións o pasado 4 de agosto, o que agravou os efectos da pandemia entre as persoas afectadas e limitou o acceso a alimentos e hixiene.

A intervención enmárcase no convenio entre a Xunta e Farmamundi, dotado con 50.000 euros, e terá un custo de 6.000 euros. Entre as actividades previstas, prevese a distribución de cestas e kits e hixiene entre a poboación dos barrios máis desfavorecidos como Karantina ou Bour Hamoud, así como nas bolsas de pobreza de Achrafieh, que foron afectadas polas explosións.

Deste xeito a actuación chegará a un mínimo de 350 fogares, o que supón arredor de 1.750 persoas. Na súa selección priorizaranse as unidades de convivencia en situación de maior vulnerabilidade, con maiores restricións de acceso a bens de primeira necesidade e con máis presenza de menores e mulleres embarazadas ou persoas con discapacidade e, por tanto, con maior risco de padecer algún tipo de enfermidade. A iniciativa levarase a cabo por parte da ONGD Farmamundi xunto cos seus socios locais do organización Mada que, ao mesmo tempo, pertence ao Foro Humanitario e de Desenvolvemento do Líbano, desde o que se comparte información actualizada semanalmente co obxectivo de avaliar e mellorar a atención das necesidades de cada zona.

A Xunta decidiu activar este convenio, tendo en conta que a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus está a ter un gran impacto na poboación libanesa e refuxiada, debido a que co parón da actividade económica máis da metade da poboación perdeu a súa fonte de ingresos, dando lugar a unha situación de pobreza crítica. Ademais, O Líbano é o principal asentamento de persoas refuxiadas do mundo.

Colaboración desde 2009Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos convenios de colaboración para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano. O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre