Inicio Galicia A Xunta e Farmamundi colaboran nunha actuación de asistencia alimentaria de emerxencia...

A Xunta e Farmamundi colaboran nunha actuación de asistencia alimentaria de emerxencia para a poboación palestina de Gaza

0

A intervención permitirá atender a unhas 750 persoas ás que se lles entregarán cestas nutricionais e información relacionada coa prevención do COVID-19


A Xunta de Galicia, en colaboración coa ONGD Farmamundi, activou o convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de executar unha intervención de asistencia alimentaria de emerxencia destinada á poboación palestina de Gaza para paliar as consecuencias da propagación do Covid-19.

A intervención, que se levará a cabo en colaboración con una ONGD local, permitirá atender a unhas 750 persoas. Distribuiranse cestas nutricionais, que irán acompañadas tamén de accións de sensibilización e prevención do Covid-19, apelando ao cumprimento das medidas de hixiene.

A poboación palestina da franxa de Gaza está nunha situación moi complicada, polo conflito aberto con Israel, que ten derivado en episodios violentos nos últimos anos e en moitas restricións. Agora, esta situación agrávase coa chegada da epidemia de coronavirus, nunha das zonas máis densamente poboadas do mundo.

O primeiro caso de coronavirus na franxa de Gaza foi detectado en marzo. Froito da evolución epidemiolóxica, restrinxíronse tamén os movementos de traballadores, o que multiplica a situación de vulnerabilidade da poboación. Ata o momento, a pandemia xa tivo graves consecuencias socioeconómicas e espérase que a situación poida empeorar nas próximas semanas, o que terá consecuencias directas na seguridade alimentaria.

Colaboración desde 2009Esta actuación súmase a outras que Xunta e Farmamundi realizan conxuntamente dende o ano 2009 no marco dos once convenios de colaboración asinados para atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano.

O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

O convenio de colaboración actívase cada vez que acontece unha emerxencia, previa negociación e solicitude por parte de Farmamundi. A activación destes convenios nos anos anteriores permitiu dar resposta inmediata e coordinada coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), e o sistema das Nacións Unidas, a diferentes emerxencias acaecidas, entre elas: os tifóns Ketsana e Haiyan en Filipinas, o furacán Ida no Salvador, o terremoto e a epidemia de cólera en Haití, a crise humanitaria en Somalia e República Democrática do Congo, as emerxencias por causa da choivas no Salvador e Nicaragua, a crise alimentaria no Sahel ou o conflito en Siria e a situación en Palestina.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre