Inicio Galicia A Xunta e Bioga avalían novas vías de colaboración para impulsar o...

A Xunta e Bioga avalían novas vías de colaboración para impulsar o sector biotecnolóxico galego

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Carme Pampín


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro de traballo coa presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e a xerente desta entidade, Loli Pereiro. Na reunión púxose de relevo o compromiso da Xunta e da asociación empresarial para seguir colaborando a prol dun ámbito estratéxico para a economía de Galicia, que é a terceira comunidade onde máis crece este sector -o dobre que a media nacional- e que acolle preto do 9% das empresas españolas que realizan actividades biotecnolóxicas.

Un dos aspectos que se tratou foi a recente posta en marcha da nova edición da aceleradora Agrobiotech, que a Xunta desenvolve en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), e o CIS Madeira, ademais de Bioga. Esta iniciativa ten como obxectivo fortalecer as pemes innovadoras que están a xurdir no sector alimentario, no biotecnolóxico e no sector da biomasa, con itinerarios a medida para cada unha das empresas que se presentan para impulsar o seu crecemento, a súa facturación, e tamén para axudalas a desenvolver aspectos vinculados co seu financiamento, coa súa comercialización e coa mellora de procesos en materia de innovación.

O encontro, no que tamén participou a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, serviu para avaliar o desenvolvemento da Estratexia de impulso á Biotecnoloxía 2020, que prevé mobilizar 200 millóns de euros e que está xa na segunda metade do seu período de execución.

No desenvolvemento desta Estratexia, Bioga xoga un importante papel de axente vertebrador no impulso á competitividade das súas empresas no mercado global e facilitándolles o acceso a estratexias clave como a innovación aberta e a internacionalización. Así, un 25% das empresas biotecnolóxicas galegas iniciaron xa o seu proceso de internacionalización, e as empresas galegas usuarias de biotecnoloxía aumentaron un 86%.

Ao mesmo tempo, o apoio da Xunta aos axentes do sector cobre todas as etapas do percorrido da I+D+i. Para iso, Gain conta con instrumentos como as Unidades Mixtas de Investigación, os programas Ignicia, Principia e Oportunius, as aceleradoras de innovación, nomeadamente Agrobiotech e Bioincubatech, así como as liñas de axuda InnovaPeme e ConectaPeme. En todas estas iniciativas tanto o clúster como as empresas biotecnolóxicas están a amosar unha gran proactividade.

Ao tempo que se aposta por reforzar o sistema galego de saúde, avanzando en novos produtos e servizos para os cidadáns, a biotecnoloxía galega posiciónase como unha tecnoloxía facilitadora e fonte de valor engadido e modernización competitiva para a industria galega, en sectores como a pesca, a agricultura ou o ámbito biomédico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre