Inicio Galicia A Xunta e Asaga abrirán unha liña de colaboración para informar aos...

A Xunta e Asaga abrirán unha liña de colaboración para informar aos gandeiros das axudas e medidas dispoñibles fronte ao xabaril

0

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse co presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, para analizar os efectos que está a ter para o sector a sobreabundancia desta especie en determinadas zonas


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) abrirán unha liña de colaboración nos próximos meses co fin de informar e asesorar ao sector gandeiro sobre a problemática do xabaril e as distintas liñas de axuda e medidas adoptadas pola Administración autonómica co fin de minimizar os efectos desta especie sobre as explotacións agrogandeiras.

Así o acordaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente de Asaga, Francisco Bello, no transcurso dunha reunión para analizar o impacto que, recentemente, están ocasionando na comarca pontevedresa do Deza as incursións de xabarís sobre os pastos, milleirais e hortas desta zona.

Tras trasladarlle a Bello que a Xunta comparte a preocupación do sector por un problema común ao conxunto de Galicia, Belén do Campo explicoulle os pasos dados máis recentemente polo seu departamento co dobre obxectivo de, por un lado, minorar os danos ocasionados polo xabaril no sector primario e, polo outro, controlar a tendencia poboacional en aumento que presenta esta especie na comunidade nos últimos anos.

Así, a directora lembrou que o Comité Galego de Caza, na súa reunión de marzo, acordou ampliar en case un mes o período hábil de caza do xabaril durante a vindeira tempada, de xeito que se prolongará do 24 de agosto deste ano ao 29 de febreiro de 2020. Co mesmo obxectivo de asegurar e facilitar un control da especie, do Campo engadiu que nesa xuntanza os membros do Comité tamén decidiron revisar, sempre de acordo coa Lei de Caza, a xestión cinexética nos vedados de caza para permitir, exclusivamente, a captura de xabarís co fin de optimizar o aproveitamento e control da súa poboación.

Ademais, fóra do período hábil da especie, explicou que a Consellería de Medio Ambiente autoriza tamén todas aquelas accións de caza que se solicitan en zonas afectadas por ataques de xabarís, sempre e cando se acrediten debidamente os danos ocasionados. Así, a modo de exemplo, do Campo lembrou que só na tempada 2018-2019, xa se levan concedido 65 permisos para batidas de xabaril na comarca do Deza, unha das que recentemente está a resultar máis afectada por este problema.

Este tipo de medidas e decisións, como explicou Belén do Campo, complementan e se suman ao paquete de axudas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo este ano a disposición do sector.

Así, cómpre lembrar que o pasado mes de decembro convocáronse dúas ordes de axudas para paliar os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios (no caso do xabaril) ou nas explotacións gandeiras (no caso do lobo) ás que se sumou, en xaneiro, unha nova liña para accións de prevención de danos por fauna salvaxe. En total, a Xunta mobilizará 1,4 millóns de euros en medidas de prevención e compensación por danos da fauna silvestre.

Por este motivo, a directora xeral comprometeuse a impulsar unha vía de colaboración con Asaga para dar a coñecer e asesorar sobre todas estas accións ao sector agrogandeiro das zonas máis afectadas pola presenza do xabaril, co obxectivo de minimizar o impacto causado polas incursións destes animais en granxas e explotacións gandeiras.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre