Inicio Galicia A Xunta e as empresas electrointensivas comparten que a única posibilidade de...

A Xunta e as empresas electrointensivas comparten que a única posibilidade de garantir un futuro para esta industria é contar cun prezo eléctrico estable e competitivo

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con axentes da industria electrointensiva de Galicia aos que informou das medidas postas en marcha pola Administración galega nos últimos días


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha reunión con axentes da industria electrointensiva galega para avaliar a situación actual do sector e informarlles das últimas medidas postas en marcha desde a Xunta.

O conselleiro trasladoulles a aprobación, por parte do Consello da Xunta, do Plan para a industria electrointensiva, con medidas de acompañamento para obter, de xeito inmediato, un prezo eléctrico competitivo que garanta o mantemento da actividade e dos 5000 empregos da industria electrointensiva galega, así como o contido dunha PNL para mellorar o custo da tarifa eléctrica.

Neste sentido, tanto a Xunta como as empresas coincidiron na situación crítica que está a atravesar o sector, do que dependen 5.000 familias, ante a inacción do Goberno que non ten activado ningún dos mecanismos de compensación para garantir o futuro da industria electrointensiva, e polo tanto de Alcoa San Cibrao, e competir en igualdade de condicións co resto de Europa.

Por iso volveu pedir ao Goberno que concrete ese prezo estable ou fixe os condicionantes dunha posible intervención para dar unha resposta aos traballadores. En relación á redución dos custos regulados do precio eléctrico, tamén lembrou que segue sen saberse nada do Estatuto do consumidor electrointensivo, da convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano, así como sobre un posible incremento do orzamento das compensacións por emisións de CO2, pasando desde os 6M€ actuais aos 275 que permite a normativa europea. Medidas, todas elas, que axudarían a dar unha resposta inmediata á situación actual.

Conde explicou que a Xunta segue traballando e que, dentro do Plan que se acaba de aprobar, recóllense, entre outras cuestións, a declaración do sector como esencial e estratéxico, o que permitirá que todos os proxectos industrias de ampliación, modernización e transformación se consideren proxectos industriais estratéxicos tras a aprobación por parte do Consello. De xeito paralelo, a Xunta convidou ao Estado a colaborar en iniciativas como a posta en marcha dun Plan nacional de recuperación e resiliencia para optar ao Fondo Next Generation UE.

Conde tamén lles explicou que se vai trasladar unha proposición non de lei (PNL) ao Congreso dos Deputados para prorrogar a vixencia do artigo 42 do RDL 11/2020 –que trata a flexibilización dos contratos de subministración de electricidade para autónomos e empresas −durante 18 meses máis a partir da finalización do período de tres meses posterior ao estado de alarma ou suspender o límite vixente sobre o número de veces que se pode modificar a potencia contratada durante 24 meses. Tamén recollerá que a facturación se efectúe en función da potencia efectivamente utilizada e non da contratada.

Xunto coa PNL publicaranse unhas recomendacións dirixidas a empresas distribuidoras de electricidade con facilidades para pemes e autónomos e medidas que permitan mellorar o custo da tarifa eléctrica e, por tanto, apoiar a este colectivo nestes momentos de dificultade no que a súa actividade é esencial para a reactivación económica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre