Inicio Galicia A Xunta e as asociacións veciñais de Galicia crearán un grupo de...

A Xunta e as asociacións veciñais de Galicia crearán un grupo de traballo para compartir información sobre ocupacións

0
image_gallery.jpg

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe coa dirección de Cogave para analizar a evolución do problema en Galicia en 2020 e trasladarlle as medidas nas que traballa o seu departamento para ofrecer posibles solucións


A Xunta de Galicia e a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave), que aglutina a sete federacións das catro provincias, constituirán un grupo de traballo co fin de intercambiar información de forma áxil e directa sobre os casos de ocupación ilegal de vivendas que se detecten na Comunidade.

Así o acordaron esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e unha representación da xunta directiva da entidade, que mantiveron unha xuntanza por videoconferencia para falar deste fenómeno e da súa evolución en Galicia nos últimos meses, un período no que se ten detectado unha agudización do problema e un incremento da inquedanza social que provoca entre propietarios e veciños afectados.

Neste sentido, a conselleira e a presidenta de Cogave, María Luisa Varela, coincidiron na oportunidade de crear un grupo de traballo conxunto para tratar en exclusiva este tema, tendo en conta que as asociacións veciñais son ás veces as primeiras en detectar un problema de ocupación ilegal, alertando ás autoridades ou aos propietarios, e por tanto, manexan información moi relevante ao respecto dun fenómeno difícil de cuantificar.

De feito, Vázquez Mejuto lembroulles que a reforma lexislativa pola que avoga a Xunta ten entre os seus obxectivos fundamentais outorgar ás comunidades de veciños, a través da súa presidencia, o dereito a actuar perante a xustiza para esixir o cese das molestias e incluso a desocupación inmediata dun inmoble, cando a convivencia se vexa alterada por este tipo de situacións.

Ao respecto, adiantoulles aos membros de Cogave que a proposta que Galicia lle quere trasladar ao Goberno central, como única administración con competencias para cambiar o actual marco xurídico, está xa moi avanzada, e contará coas achegas e o aval da Universidade de Santiago así como de varios expertos penalistas.

Rolda de contactosA xuntanza con Cogave enmárcase na rolda de contactos que abriu a conselleira no mes de setembro con diferentes institucións públicas e privadas, expertos e entidades afectadas directa ou indirectamente polo fenómeno da ocupación ilegal de vivendas co fin de intercambiar propostas para buscar unha solución efectiva e duradeira ao problema.

Os últimos contactos foron co delegado do Goberno en Galicia, a quen tamén se lle propuxo a posta en marcha dunha comisión bilateral entre ambas administracións con relación á ocupación ilegal de vivendas, e co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.

Antes destes encontros, a conselleira tamén se reuniu con asociacións de veciños dalgunhas das zonas máis afectadas polo fenómeno okupa en Galicia e levou ao Parlamento unha proposta de Pacto Social pola Vivenda, aberta á participación de todos os grupos da Cámara así como doutras entidades e colectivos sociais implicados no problema.

Así mesmo, durante a última reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia o pasado 2 de outubro, Ángeles Vázquez anunciou un acordo co Consello da Avogacía Galega para habilitar un teléfono de información e asesoramento para afectados pola ocupación ilegal de inmobles, así como a elaboración dun mapa de vivendas ocupadas, co apoio e axuda dos axentes da propiedade inmobiliaria e dos administradores de fincas da Comunidade.

Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente indicoulles aos representantes de Cogave que agarda que nos próximos días estea dispoñible o novo teléfono para afectados por casos de ocupación de vivendas, e lembrou que xa se está a traballar na elaboración do mapa das ocupacións de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre