Inicio Galicia A Xunta e Adega renovan a súa colaboración para fomentar entre a...

A Xunta e Adega renovan a súa colaboración para fomentar entre a mocidade o coñecemento e o coidado dos recursos fluviais de Galicia a través do ?Proxecto Ríos?

0

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, financia con 50.000 euros este programa de voluntariado e educación ambiental, no que o Instituto de Estudos do Territorio achega o soporte para a xeorreferenciación


As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantiveron hoxe unha reunión por videoconferencia coa presidenta da Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia (ADEGA), Virxinia Rodríguez, na que ratificaron o interese común en manter activa a súa colaboración para incrementar o coñecemento e o coidado entre a mocidade dos recursos fluviais de Galicia a través do ‘Proxecto Ríos’.

As conselleiras e a presidenta da Adega abordaron a renovación do convenio para dar continuidade durante o presente ano 2020 a este programa de voluntariado e educación ambiental iniciado hai dezaseis anos, no que Galicia é referencia estatal.

Segundo recolle o convenio para este ano, a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, financia con 50.000 euros as actividades coordinadas pola asociación ambientalista baixo o paraugas deste programa, no que o Instituto de Estudos do Territorio achega o soporte para a xeorreferenciación.

As conselleiras salientaron a boa acollida do ‘Proxecto Ríos’ e a súa contribución para achegar os ríos á poboación, educar en torno á protección e conservación dos ecosistemas que os conforman, así como na sensibilización dos participantes e as súas responsabilidades, especialmente no relativo á contaminación das augas e no seu bo mantemento.

Incremento da participación no programaNo encontro analizouse o balance do último ano, no que as boas cifras do programa vense reflectidas no aumento continuo de novos grupos voluntarios para a limpeza, o coidado e custodia dos ecosistemas fluviais, incrementándose con respecto o 2018 nun 6,1%, coa incorporación de 24 grupos novos ata acadar o total de 414 e os 4.500 participantes. No que vai de ano 2020 lévanse creados 9 novos grupos, alcanzando xa na actualidade os 423 grupos.

Tamén se evidenciou o importante papel deste proxecto na toma de conciencia da importancia da protección do medio natural e no espertar dunha maior preocupación e implicación no coidado dos río entre as novas xeracións. Neste sentido, no ano 2019 o 42% dos grupos de voluntarios procedían dos centros escolares, institutos e universidade. Tamén seguiu medrando o número de voluntarios particulares –grupos de familiares e amigos– ata chegar o 31% e acadando a representación das asociacións un 22%.

Sobre a orixe dos participantes no programa, os datos do 2019 continúan situando ás provincias da Coruña e Pontevedra como as que máis grupos de voluntarios acollen, co 74% da totalidade. En Lugo e Ourense seguen aumentando nestes últimos anos, representando actualmente o 26% dos voluntarios.

Na reunión de hoxe abordouse tamén a programación do ‘Proxecto Ríos’ para este ano 2020, así como das modificacións previstas nesta campaña de primavera ao verse afectada polo medidas do estado de alerta motivadas pola crise sanitaria do COVID-19. As actividades de acompañamento, xornadas presencias e resto de actividades programadas estanse a substituír por accións compatibles coas medidas vixentes e centraranse na elaboración de materiais e infografías adicionais que melloren a divulgación dos obxectivos do proxecto.

Cómpre sinalar que neste convenio, xunto ás campañas de primavera e do outono, inclúense entre outras actividades, limpeza simultánea de ríos, roteiros ou saídas puntuais para realizar rutas de sendeirismo polos ríos, xornadas de formación de coordinadores do ‘Proxecto Ríos’ ou o encontro anual dos voluntarios.

Coa renovación do convenio mantense a prestación de apoio e asesoramento por parte da Xunta aos programas formativos que desenvolva Adega. Ademais, Augas de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio e Adega manterán a colaboración na elaboración da lista que determine os treitos fluviais prioritarios para acadar a máxima eficiencia no desenvolvemento das actividades programadas de limpeza e de inspeccións.

Deste xeito, toda a información sobre a evolución deste programa estará dispoñible no xeoportal do ‘Proxecto Ríos’, creado para a divulgación á sociedade do estado de saúde dos ríos inspeccionados polo voluntariado. Ao tempo que toda a documentación xerada e as actividades realizadas manteranse actualizadas na páxina web www.proxectorios.org, para a súa consulta e mellor coñecemento cidadá.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre